Anuncios
Ticker de novas

As “poxas” de San Antonio recadan preto de 1.000 euros en Gondomar

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ // Poxas de San Antonio en Gondomar.

As festas patronais de Gondomar culminaron este xoves coa xornada dedicada a San Antonio. Pasadas as 18:00 horas comezaron as tradicionais “poxas”, reunindo a centos de veciños na parte traseira do atrio da Igrexa de San Bieito. Carlos Riveiro, coñecido como Carlos de Gondomar, foi o encargado das poxas, tal e como o leva facendo desde hai máis de 12 anos. Durante preto de hora e media, ofrecéronse multitude de produtos doados directamente polos veciños da Vila Condal, na que é unha actividade moi arraigada, que leva máis de medio século celebrándose ininterrompidamente.

Botellas de augardente, vermú, champaña ou ron por entre 4 e 7 euros, plantas por entre 5 e 13 euros, botes de mel por 9 e 11 euros, caixas con produtos do campo por entre 5 e 8 euros, galos por entre 11 e 16 euros, unha parella de coellos por 16 euros, unha parella de kikos por 10 euros, unha caixa sorpresa por 13 euros, unha coella preñada por 27 euros, un faisán dourado por 14 euros e tres faisáns por 40, un anaco de xamón curado caseiro por 11 euros ou unha folla de bacallau de 2 quilos e medio por 33 euros foron algúns dos produtos que os asistentes puideron levar para casa.

Destacou unha imaxe da Virxe do Pilar bendicida na Basílica do Pilar de Zaragoza, doada por un maño que todos os anos visita Gondomar, e que se adxudicou por 70 euros, e un porco que alcanzou os 116 euros, que irán destinados como ofrenda a San Bieito. En total, recadáronse preto de 1.000 euros que serán destinados para o pan dos pobres de San Antonio.

Anuncios