Anuncios
Ticker de novas

Baiona volve apostar polas visitas guiadas gratuítas “Xoves no Camiño”

FOTO: CONCELLO DE BAIONA

Tras o éxito do ano pasado, a Concellería de Turismo de Baiona volveu a apostar pola iniciativa “Xoves no Camiño”, o programa posto en marcha por primeira vez no 2017 para dar a coñecer o Camiño Portugués pola Costa ao seu paso polo municipio. As rutas serán todos os xoves desde o 19 de xullo, día no que se celebrará a primeira, ata o 30 de agosto. O punto de partida será a Oficina de Turismo ás 10:00 da mañá.

O percorrido será lineal en dirección á Praza de Santa Liberata e continuará o trazado do Camiño Portugués pola Costa nas rúas Manuel Valverde, Conde e O Burgo e a Praza Victoria Cadaval de Sabarís, finalizando o traxecto na Igrexa de Santa Cristina. A guía que acompañará ao grupo realizará o regreso a Baiona camiñando polo Paseo Marítimo e os participantes terán a posibilidade de acompañala ou regresar por libre.

A duración aproximada da ruta é de 1 hora e 30 minutos cunha distancia aproximada de 3,5 quilómetros. A dificultade do traxecto é baixa. Recoméndase levar roupa e calzado cómodo, así como auga e protección solar. As prazas son limitadas, polo que para esta visita si será necesaria a inscrición previa na Oficina de Turismo (Teléfono 986 68 70 67).

Doutra banda celebraranse as visitas habituais polo casco histórico a partir do 18 de xullo e ata o 29 de agosto, co obxectivo de poñer en valor o patrimonio cultural e artístico de Baiona. As visitas, que serán os mércores e sábados, son gratuítas e non é necesaria a inscrición previa, polo que aqueles interesados en percorrer os monumentos de Baiona tan só teñen que presentarse ás 11:00 horas na Oficina de Turismo situada en fronte do Paseo Ribeira.

Durante 90 minutos, unha guía oficial de Galicia acompañará aos participantes durante un interesante percorrido por diferentes lugares emblemáticos da localidade entre os que se atopan o monumento Encontro Entre Dous Mundos, o Paseo Ribeira e o Casco Histórico.

Anuncios