Un home foi excarcerado esta tarde tras quedar atrapado no interior do seu vehículo despois de saírse da vía pola que circulaba. Ao fío das 16:00 horas, persoal do 061-Urxencias Sanitarias informaba ao 112 Galicia dunha saída de vía e coa persoa atrapada no interior do vehículo. Tamén, neses intres, a Policía Local alertaba do mesmo suceso, indicando que tiñan coñecemento dunha saída de vía na estrada de Vincios, ao redor do punto quilométrico 15 da PO-331, en Gondomar.
Foi a partir de aí, cando dende o CIAE se puxeron os feitos en coñecemento dos Bombeiros de Baixo Miño, do GES e Protección Civil de Val Miñor e da Garda Civil de Tráfico. Así mesmo, alertouse do suceso aos Bombeiros de Vigo e ao persoal do servizo de mantemento da estrada. Unha vez no punto, os bombeiros confirmaron ao 112 Galicia a excarceración da persoa ferida, que foi trasladada a un hospital de Vigo.

