Interceptado en Vigo un veciño de Nigrán cando circulaba en moto baixo os efectos do alcol

A Policía Local de Vigo interceptou na madrugada deste domingo a un veciño de Nigrán mentres conducía pola cidade olívica baixo os efectos do alcol. O suceso produciuse sobre as 1:40 horas cando os axentes circulaban en funcións de prevención pola Travesía de Vigo, observando como o piloto, que circulaba en dirección centro, pasou un semáforo en fase vermella á altura do número 163, procedendo a darlle alto para identificar o condutor e efectuar a correspondente denuncia.

Tratábase dunha motocicleta da marca Yamaha modelo YP 500. O home, de 43 anos de idade e nado e con domicilio en Nigrán, presentaba claros síntomas de atoparse baixo os efectos do consumo de bebidas alcohólicas. Tras realizarlle as probas de alcoholemia, arroxou un resultado positivo de 0,86 miligramos de alcol por litro de aire expirado na primeira e 0,98 na segunda. O home foi encartado en dilixencias xudiciais en calidade de investigado por un presunto delito contra a Seguridade Viaria ao superar o límite penal establecido.

Anuncios