A Garda Civil detivo en Vigo ao presunto autor de 24 roubos cometidos durante o pasado verán no interior dalgúns vehículos aparcados nos estacionamentos das praias dos municipios de Baiona e Nigrán.
As investigacións realizadas polos efectivos do Posto Principal da Garda Civil de Baiona-Nigrán concluíron que a maior parte destes roubos/furtos estaban a cometerse nas mesmas praias e dentro da mesma franxa horaria, entre as catro e as oito horas da tarde.
A maior parte dos coches asaltados eran da mesma marca e modelo pola maior facilidade que ofrecían para a apertura das portas e o botín adoitaba ser sempre o teléfono móbil e o diñeiro que deixaban os seus propietarios no interior.
Foi precisamente a recuperación dun dos teléfonos móbiles nun establecemento de compra venda de obxectos de segunda man en Vigo, o que levou á Garda Civil a reforzar a liña de investigación que se mantiña aberta sobre un mozo que residía na mesma cidade.
As xestións para a súa localización, non exentas de dificultade debido a que este mozo non tiña un domicilio fixo, concluíron a pasada semana coa súa detención nun hostal de Vigo onde levaba aloxado poucos días.
As investigacións realizadas no transcurso da operación determinaron a posible autoría do detido en, polo menos, 12 delitos de roubo e outros tantos de furto de efectos no interior de vehículos estacionados na praia de Ladeira e praia América, durante o período de tempo comprendido entre o mes de abril e setembro do ano pasado.
Unha vez posto a disposición xudicial, o Xulgado de Instrución de garda de Vigo decretou a súa liberdade provisional con cargos.

