30 profesionais sociosanitarios analizarán no Talaso Atlántico os últimos avances en oncoloxía integrativa

Miquel Porta.

Máis de 30 profesionais sociosanitarios de diferentes especialidades daranse cita a próxima semana no Hotel Talaso Atlántico para participar no IV Curso de verán sobre oncoloxía integrativa da Universidade de Santiago de Compostela. Promovido por esta institución en colaboración co centro de talasoterapia, o curso -que se celebrará do 16 ao 19 de xullo- está dirixido principalmente a estudantes universitarios e profesionais sociosanitarios, aínda que estará aberto ao público en xeral e a pacientes.

Baixo o título “Promover a prevención e humanizar a asistencia, os grandes retos da oncoloxía do século XXI”, o programa inclúe charlas de destacados profesionais da oncoloxía como o doutor Miquel Porta Serra, investigador do Instituto Hospital do Mar de Investigación Médica (IMIM) e Catedrático de Saúde Pública da Autónoma de Barcelona (UAB). Referente mundial en tóxicos ambientais e a súa relación co cancro, no seminario compartirá os seus últimos estudos na materia. Outro referente na materia é o doutor Francisco Barón Duarte, oncólogo do Complexo Hospitalario da Coruña (CHUAC), que explicará o proxecto pioneiro desenvolvido neste hospital dirixido a pacientes oncolóxicos denominados “fráxiles”, un servizo que vai moito máis alá da atención sanitaria e apoia e acompaña no proceso, aos pacientes.

Ademais doutros recoñecidos oncólogos como as doutoras Pilar Lianes, Rosario García Campelo e Clara Senín; o psicooncólogo Francisco Gil e a directora de Enfermería Mª Antonia Muñoz; o curso dará voz a outros profesionais sociosanitarios como sociólogos, psicólogos, especialistas en exercicio físico, farmacéuticos, enfermeiras, fisioterapeutas, nutricionistas, etc., dando resposta ao que é e significa a medicina integrativa. De feito, a oncoloxía integrativa, eixo do seminario, céntrase en restaurar e promover a saúde e o benestar dos pacientes, e non só tratar a enfermidade e os seus síntomas. Desde un ámbito multidisciplinar, trátase de analizar como repercute en cada paciente a doenza desde o punto de vista físico, emocional, mental, social, espiritual e ambiental xa que todo iso afecta o estado de saúde e benestar da persoa. Contará tamén coa participación de pacientes e asociacións de pacientes.

Segundo o informe anual editado pola Sociedade Española de Oncoloxía Médica, en 2017 os novos casos estimados de cancro en España foron 228.482 e para 2035 estímase que crecerá ata 315.413 novos casos. Os tumores máis diagnosticados seguen sendo colorrectal, próstata, pulmón, mama, vexiga e estómago.

Estímase que un 40-60% destes pacientes oncolóxicos recorren a medicinas alternativas e complementarias ao longo da súa enfermidade, a maioría das veces sen comunicalo aos seus oncólogos. De aí a necesidade e importancia de programas como o deste curso que inclúen ademais sesións e obradoiros prácticos como introdución á marcha nórdica, obradoiros de climatoterapia ou hidrocesinoterapia no centro de talasoterapia.

Esta é a cuarta edición dos cursos de verán sobre oncoloxía integrativa que organiza o doutor Salvador Ramos, director médico de Talaso Atlántico, en colaboración con Lourdes Vázquez Odériz, profesora da área de Nutrición e Bromotalogía da USC.

Anuncios