Lucas Costa, David Moya e Juan Carlos Mezquita gañan a VIII travesía a nado Costa Serena

Lucas Costa.

O nadador Lucas Costa, cun tempo de 00:49:38, impúxose na VIII edición da travesía a nado Costa Serena, que se celebrou hoxe en Praia América (Nigrán). Lucas chegou a meta por diante do nadador ourensán Marcos Vila Cid (00:49:42) e David Rodríguez (00:53:05). Na categoría feminina, a vencedora no percorrido de 4.000 metros foi a nadadora Cristina García Marín cun tempo de 01:03:00. En segunda posición chegou Mónica Incera (01:03:37), completando o podio Cristina Torres Hervés, cun tempo de 01:06:42.

O percorrido de 4.000 metros, no que participaron preto de 300 nadadores, consistiu nun triángulo de 4 quilómetros con saída e chegada na canle central de embarcacións. Os nadadores bordearon a baliza de Cabezo de San Juan, situada a 1,3 quilómetros de distancia, regresaron cara á costa polo lado sur da praia e percorreron o último quilómetro en paralelo ao areal.

Na proba de 2.700 metros, o vencedor na categoría masculina foi David Moya Bracero (00:43:11), segundo foi Gabriel Alarcón Sabarís (00:43:56) e, terceiro, Daniel Martín Gómez (00:45:48). Na categoría feminina impúxose Paola Fernández Cardo (00:48:58), por diante de Ester del Monte Millán (00:48:58) e Carme André Rodríguez (00:50:54).

No percorrido de 800 metros gañou Juan Carlos Mezquita Lobato, cun tempo de 00:12:16 na categoría masculina, seguido de Gabriel Figueroa (00:13:44) e Juan González (00:15:17). Na categoría feminina, gañou Irene Rivadulla (00:15:14), superando a Ana Paula Eijo Gil (00:15:18) e Azucena García González (00:15:27). Esta proba disputouse en paralelo á costa e contou con preto de 100 participantes. A saída arrancou desde a canle principal de entrada e saída das embarcacións e a chegada á beira do posto de Protección Civil de Panxón.

Preto de 500 nadadores de 7 Comunidades autónomas (Galicia, Asturias, Castela-León, Castela-A Mancha, País Vasco, Madrid e Cataluña) e unha importante representación procedente de Portugal, con idades comprendidas entre os 5 e os 71 anos, participaron na travesía a nado, que congregou a miles de persoas neste areal durante toda a mañá. En total, disputáronse tres percorridos de 4.000, 2.700 e 800 metros e dúas probas para nenos de 50 e 150 metros, cunha participación de máis de 50 menores.

A travesía, organizada polo club Tumetapersonal, Atlantic Extrem Sports e o Concello de Nigrán, conta coa colaboración da Deputación de Pontevedra, a Secretaría Xeral para O Deporte, Coca-Cola, Renault Rodosa Nigrán, Zoggs, Arena, Decathlon Vigo, Frutas Sol, Froiz, Marina Estelas Panxón, Wetsports Ladeira, Prado Surf, Waira, Kailúa, Beach Escolas, Ángel Leirós Motos, Clubnatacion.com, Boyer Triathlon Vigo, Restaurante Los Abetos e Rosquillas Cristaleiro, entre outros.

Colaboración co Centro Juan María

Este ano, a organización contou co apoio do Centro Juan María de Nigrán coa participación de alumnos e profesionais que colaboraron no avituallamento e a entrega de medallas aos nenos. O obxectivo é dar visibilidade ás persoas que teñen algún tipo de incapacidade intelectual e lograr a súa plena integración na sociedade.

Máis premios

Este ano, ao incorporar un novo percorrido, houbo máis premios para repartir entre os nadadores. En total entregáronse 56 premios. Nas probas de 2.700 e 800 metros, déronse trofeos aos tres primeiros clasificados absolutos da categoría masculina e feminina. Na de 4.000 metros, entregáronse premios aos tres primeiros clasificados absolutos da categoría masculina e feminina. Ademais repartíronse medallas aos tres primeiros clasificados das 12 categorías na proba de 4.000 metros. Os nenos que participaron nos percorridos de 50 e 150 metros recibiron unha medalla. Tamén se entregaron trofeos especiais ao nadador máis novo e de máis idade.

CLASIFICACIÓN DA PROBA DE 4.000 METROS

CLASIFICACIÓN DA PROBA DE 2.700 METROS

CLASIFICACIÓN DA PROBA DE 800 METROS

 

El pase de diapositivas requiere JavaScript.

Anuncios