Sin categoría

Xoel López, La Habitación Roja, Sidecars e Los Secretos actuarán este verán no Pazo de Urzaiz

O Pazo de Urzaiz deseñou para este verán unha programación musical que traerá a Nigrán a grandes referencias do pop-rock nacional. O próximo 26 de xullo, Xoel López presentará, en formato acústico, o seu último disco “Soños e Pan” e será o encargado de abrir un ciclo de concertos polo que pasarán tamén La Habitación Roja, Sidecars e Los Secretos, que actuarán no marco da súa Xira 40 aniversario.

Os días de concerto, o Pazo abrirá as súas portas ás 19:00 horas e o público poderá gozar xa desde a tarde dunha ampla oferta musical e gastronómica con sesións DJ, zona chill out, food trucks e postos de comida. Co cartel deseñado para os meses de xullo e agosto, o Pazo de Urzaiz sitúase como un dos grandes referentes para a programación cultural e de lecer deste verán no sur de Galicia.

Máis aló da música, o humor tamén estará presente na programación para este verán, xa que o cómico Luis Piedrahita levará o seu espectáculo “Stand Up Comedy” aos xardíns do Pazo de Urzaiz o vindeiro xoves 23 de agosto. As entradas para todas as datas incluídas na axenda pódense conseguir xa a través da plataforma We Gow ou nos puntos de venda situados en El Salón (Rúa Real 14, Vigo), Prado Surf Escola (Praia de Patos, Nigrán) e Cátering Don Pepe (Estrada de Camposancos 347, Vigo).

Aposta polo lecer e a música

Esta aposta sen precedentes polo lecer e a música xorde da alianza entre Cátering Don Pepe, con anos de experiencia á fronte da actividade do Pazo de Urzaiz, e os integrantes de La Factoría, que lideraron durante a última década algúns dos locais con máis éxito nas noites de verán en Baiona e Nigrán, como El Pantalán, La Chancla ou o Náutico de Panxón. Para esta iniciativa contan, ademais, coa colaboración de Mahou, no marco da aposta da marca polos eventos que entenden o lecer desde unha perspectiva diferente e innovadora.

A axenda completa para os próximos meses no Pazo de Urzaiz é a seguinte:
– Xoves 26 de xullo – 21:45 horas: Xoel López
– Xoves 9 de agosto – 22:30 horas: La Habitación Roja
– Xoves 16 de agosto – 22:30 horas: Sidecars
– Xoves 23 de agosto – 22:30 horas: Luis Piedrahita
– Venres 24 de agosto – 22:30 horas: Los Secretos (Xira 40 aniversario)