O Club Ciclista Rías Baixas pretende asaltar Ávila con Eddie Van Heerden

O Club Ciclista Rías Baixas pasarase o fin de semana subindo e baixando montañas en terras abulenses. Un plan que non ten nada que ver cunhas vacacións estivais, senón co obxectivo de triunfar nunha das roldas máis duras do calendario. O surafricano Eddie Van Heerden liderará á entidade presidida por José Luis Chamorro na Volta Ávila.

Gañador a mediados de xuño da Volta ao Ribeiro, Van Heerden regresa á competición coas máximas aspiracións. O surafricano volverá ter ao seu lado ao catalán Francesc Zurita, con quen dinamitou a carreira que supuxo o seu primeiro triunfo no ciclismo europeo. O resto da formación dirixida por Iván Rodríguez compóñena Jorge González, Mornay Van Heerden, Iván Arribas, Jaime Guzmán e Rafael Pereira.

A XLV edición desta proba de dúas etapas é puntuable para o ránking da Real Federación Española de Ciclismo, unha clasificación na que o conxunto do Val Miñor ocupa a segunda posición na categoría Elite.

Os escaladores estarán na súa salsa nesta rolda. En total ascenderanse seis portos de montaña, tres deles de 1ª categoría. O inicio da primeira etapa, El Tiemblo-El Tiemblo (113,8 quilómetros), sintetiza o que é esta volta. Practicamente de saída, os ciclistas terán que subir A Panamera (1ª) e acto seguido afrontarán as ramplas de Navalmoral (1ª). O terceiro e último alto desta xornada, San de la Nava (3ª), coróase a 23 km de meta.

Ao día seguinte, o domingo, a carreira decidirase no 139 km entre Navalacruz e Navarrevisca. El Pico (2ª) e El Arenal (3ª) serán os aperitivos ao alto de Mijares (1ª), ascensión de máis de 20 km e coa súa cima situada a 16 km da chegada.

Anuncios