O Baiverán 2018 ofrecerá máis de 200 espectáculos de forma ininterrompida

A Concellería de Cultura do Concello de Baiona deseñou unha completa programación para que baioneses e visitantes poidan gozar dunha infinidade de actividades ao longo do verán. O Baiverán 2018, nome co que se coñece á xa tradicional programación da Real Vila, ofertará unha infinidade de actividades de lecer e cultura durante os meses de verán de forma ininterrompida.

A programación presentouse este venres 6 de xullo, e arrancará de forma oficial mañá sábado 7 de xullo e prolongarase de forma constante ao longo da tempada estival. Os escenarios que albergarán os espectáculos situaranse na Praza do Concello, os Xardíns da Casa da Navegación, a Alameda Carabela Pinta, o Casco Antigo ou a Praza Victoria Cadaval, aínda que a programación estival de Baiona alagará moitos outros recunchos da Vila. Ademais, a programación presenta actividades que poden gozar todos os membros da familia, desde os máis pequenos aos máis maiores, ofrecendo deste xeito unha oferta para todas as idades.

A Concellería de Cultura aposta por unha programación cun variado cartel de actuacións de entretemento ao aire libre, onde se pode atopar todo tipo de manifestacións culturais, que van desde as festas patronais que se celebran nas cinco parroquias do municipio e que están moi arraigadas na cultura popular, ata a multitude de concertos e actuacións, conferencias, exposicións, monólogos, teatro, cinema, ciclos de conferencias, espectáculos infantís, de humor, de maxia, obradoiros, inchables, festas gastronómicas, actos relixiosos, rutas guiadas e unha infinidade de actos que se realizan todas as noites do verán e que son unha cita ineludible de entretemento e faladoiro entre todos os que forman parte da comunidade estival.

Existe unha festa referente do verán de Baiona e esa cita ineludible é a celebración da festa na honra da Virxe da Anunciada, que se celebra o 3, 4 e 5 de agosto. A Concellería de Cultura dirixida por María Iglesias apostou por unha programación que abarca a varias xeracións da familia. Todas as actuacións serán en directo. O venres, será a quenda do rock co concerto de “Motores” e “Sherpa”, ex membro do grupo Barón Rojo. O sábado, tras a gran tirada de lumes, poñerase ritmo á noite baionesa co pop de “Nacha Pop” e o concerto de “Miguel Costas” (versións dos 80). Con respecto ao domingo, a programación ofrecerá outros tres concertos en directo dunha selección de artistas de diferentes estilos musicais que gusten a todos os públicos, coas actuacións estelares de Blas Cantó, a Orquestra Mondragón e Amistades Peligrosas, dúo formado por Cristina del Valle e o baionés Marcos Rodríguez.

Baiona aposta un ano máis pola fórmula dos máis prestixiosos festivais de praia do mundo coa V edición do Frades Sunset Festival, que se celebrará o mércores 18 de xullo. Organizado polas Concellerías de Cultura e Turismo do Concello de Baiona, na contorna da praia dos Frades, co obxectivo fundamental de poñer en valor un sitio tan máxico e especial como é o paseo localizado detrás da Fortaleza de Monterreal e onde as postas de sol son únicas. Conta ademais coa colaboración de Aceba e varios locais de copas do municipio, unha cita na que os amantes dos ritmos electrónicos poderán gozar das mesturas do DJ Wally López, cabeza de cartel, un dos maiores expoñentes da música electrónica española. Ademais, tamén picarán música no festival DJ´S locais.

A Concellería de Cultura fai unha aposta firme pola música folk celta, cun concerto que será un día inesquecible para os amantes desta boa música. Trátase do concerto do recoñecido grupo musical Milladoiro, que actuará o 10 de agosto ás 23:00 horas no parque da Palma.

Outra das grandes novidades da programación é o “Baiona Street Food” e o “Baiona Street Music Fest”, eventos que se complementan e que celebraranse os días 24, 25 e 26 de agosto no parque da Palma. Haberá food trucks, outlet pop-up market, animación infantil, obradoiros e diversión para os máis pequenos de 12:00 a 16:00 horas e de 19:00 a 00:30 horas. O complemento desta programación complétase con música a partir das 22:30 horas no parque.

O resto das noites temáticas que ofrece o municipio estarán amenizadas por galas de música clásica, líricas, folclore de diversas partes do mundo, como música cubana, arxentina, fados… así como numerosas actuacións das asociacións do municipio que nutren a riqueza cultura da vila de Baiona. A nota de cor no programa póñena as exposicións, que se poden visitar na Capitanía Marítima.

Todo iso fai que a programación organizada polo Concello de Baiona sexa o referente na comarca, servindo de desfrute para os veciños e veciñas da vila, para os centos de visitantes e para outras persoas dos municipios dos arredores, que se desprazan cada noite ata a Real Vila atraídos pola variedade de actividades e para divertirse cos espectáculos que se ofrecen de forma gratuíta e ininterrompida durante o verán.

María Iglesias, concelleira de Cultura, foi a encargada de desvelar e debullar a completa programación que compón o Baiverán, deseñada polo seu departamento. Iglesias, aproveitou a presentación da programación cultural Baiverán 2018 para lembrar que esta ampla programación é posible grazas á participación das numerosas asociacións locais así como tamén á riqueza cultural que ten a vila de Baiona.

O Alcalde, Ángel Rodal, destacou que “o Concello de Baiona ofrece máis de 200 espectáculos nunha programación de verán deseñada para o desfrute dos nosos veciños e veciñas e tamén para todos aqueles que veñen visitarnos. Trátase dunha completa programación deseñada con moito agarimo pola Concellería de Cultura para que todos os públicos podámola gozar de forma ininterrompida”.

Pola súa banda, o presidente de ACEBA, Marcos Comesaña, agradeceu ao Concello de Baiona o deseño dunha programación tan variada e destacou a importancia e repercusión que ten unha programación tan extensa para o municipio.

”Esta programación é moi importante no cultural para Baiona, pero tamén o é a nivel turístico e económico xa que atrae ao noso municipio cada día a un gran número de persoas. Tamén é unha iniciativa acollida con gran entusiasmo polos comerciantes baioneses”, matizou Rodal.

PROGRAMACIÓN BAIVERÁN 2018

Anuncios