Nigrán reunirá este domingo a preto de 500 nadadores na VIII travesía a nado Costa Serena

Preto de 500 nadadores de 8 Comunidades autónomas (Galicia, Asturias, País Vasco, Castela-León, Castela-A Mancha, Madrid, Aragón e Cataluña) e unha importante representación de Portugal, con idades comprendidas entre os 5 e 71 anos, participarán este domingo na VIII edición da travesía a nado Costa Serena, en Nigrán. Esta travesía consolídase como unha das probas de natación máis importantes de Galicia.

Entre as novidades desta edición destaca a incorporación dun novo percorrido de 2.700 metros, que se suma aos tradicionais de 800 e 4.000 metros. As tres probas serán cronometradas por chip. O percorrido longo, no que participarán preto de 300 nadadores, consistirá nun triángulo de 4 quilómetros con saída desde a canle central. Os nadadores deberán bordear a baliza de Cabezo de San Juan, situada a 1,3 quilómetros de distancia, regresar cara á costa polo lado sur da praia e percorrer o último quilómetro en paralelo ao areal.

No percorrido de 2.700 metros, os preto de 100 nadadores tamén irán ata a baliza de Cabezo de San Juan e regresarán polo lado dereito para dirixirse a meta. O percorrido curto, cunha distancia de 800 metros, disputarase en paralelo á costa, o que abrirá a participación a bañistas, curiosos e afeccionados á práctica deste deporte. A saída será no mesmo punto que a proba principal. Participarán máis de 50 nadadores.

A competición de 4.000 metros comezará ás 11:30 horas, mentres que a de 2.700 metros ás 11:45 horas e a de 800 metros ás 12:00 horas. No mar, colocaranse boias de sinalización do percorrido para facilitar a orientación dos nadadores, así como kaiaks, embarcacións de Protección Civil, Bombeiros de Vigo e da organización.

Ademais, celebraranse dúas probas de curta distancia coa participación de máis de 50 nenos con idades entre 5 e 13 anos, que se disputarán moi preto da beira. Haberá un percorrido de 50 metros (5 e 8 anos) e de 150 (9 a 13 anos). Estas probas comezarán ás 13:00 horas (50 metros) e 13:30 horas (150 metros). Todos os nenos que queiran inscribirse o mesmo día da travesía poderán facelo entre as 09:00 e 11:00 horas en Marina Estelas Panxón.

A travesía, organizada polo club Tumetapersonal, Atlantic Extrem Sports e o Concello de Nigrán, conta coa colaboración da Deputación de Pontevedra, a Secretaría Xeral para O Deporte, Coca-Cola, Renault Rodosa Nigrán, Zoggs, Arena, Decathlon Vigo, Frutas Sol, Froiz, Marina Estelas Panxón, Wetsports Ladeira, Prado Surf, Waira, Kailúa, Beach Escolas, Ángel Leirós Motos, Clubnatacion.com, Boyer Triathlon Vigo, Restaurante Los Abetos e Rosquillas Cristaleiro, entre outros.

Colaboración co Centro Juan María

Este ano, a organización contará co apoio do Centro Juan María de Nigrán coa participación de alumnos e profesionais que colaborarán no avituallamento e a entrega de medallas aos nenos. O obxectivo é dar visibilidade ás persoas que teñen algún tipo de incapacidade intelectual e lograr a súa plena integración na sociedade.

Evento co selo de bo ambiente

Ademais, a travesía a nado Costa Serena-Nigrán recibiu este ano o selo de evento con bo ambiente por parte de Coca-Cola. Durante a travesía organizaranse diversas actividades dirixidas a concienciar aos participantes sobre a importancia dunha xestión responsable dos residuos.

Máis premios

Este ano, ao incorporar un novo percorrido, haberá máis premios para repartir entre os nadadores. En total entregaranse 56 premios. Nas probas de 2.700 e 800 metros, daranse trofeos aos tres primeiros clasificados absolutos da categoría masculina e feminina. Na de 4.000 metros, daranse premios aos tres primeiros clasificados absolutos da categoría masculina e feminina. Ademais repartiranse medallas aos tres primeiros clasificados das 12 categorías na proba de 4.000 metros. Os nenos que participarán nos percorridos de 50 e 150 metros recibirán unha medalla. Tamén se entregarán trofeos especiais ao nadador máis novo e de máis idade.

A entrega de premios será a partir das 14:30 horas en Marina Estelas Panxón coa participación do alcalde e o concelleiro de Deportes de Nigrán, Juan González e José Luis Sanromán, respectivamente.

Anuncios