A ED Val Miñor asume co apoio do Concello de Nigrán a creación do seu primeiro equipo sénior

FOTO: CONCELLO DE NIGRÁN // A directiva da ED Val Miñor-Nigrán xunto o alcalde e o edil de Deportes.

O Concello de Nigrán aposta pola creación dun novo equipo de fútbol sénior no municipio ante a recente disolución do Nigrán C.F e a proposta da E.D. Val Miñor-Nigrán por asumir ese baleiro.

Deste xeito, a “E.D. Val Miñor-Nigrán”, que ata agora compartía co Nigrán C.F. o campo municipal de Condomínguez e mantiña con este club unha relación de filialidade, asume co apoio do Concello a creación do seu primeiro equipo sénior para dar cabida a xogadores da comarca nun momento especialmente complexo da categoría, non só por esta desaparición, senón tamén pola incerteza do futuro do Gondomar e do Erizana.

«Coa disolución do Nigrán o municipio quedaba só co equipo sénior do Racing Vilariño, así que dende o Concello non dubidamos en sumarnos e apoiar totalmente esta iniciativa que permite non minguar a oferta deportiva no municipio e, con elo, que os mozos que rematan a categoría xuvenil nos seus respectivos clubs teñan unha oportunidade máis de seguir», sinala o alcalde, Juan González.

O novo equipo arrancará a vindeira tempada en Condomínguez en terceira rexional e da man do adestrador Alejandro Alonso, ex xogador do Nigrán e adestrador tamén do xuvenil B da E.D. Val Miñor, equipo co que vén de obter o ascenso a Liga Nacional. A plantilla, a piques de pecharse xa, estará composta por xogadores do desaparecido Nigrán e outros de toda a comarca. Así mesmo, a ED Val Miñor-Nigrán creará unha directiva independente para este novo equipo sénior, o primeiro co que contan nas súas filas.

Os adestramentos arrancarán en agosto e será presentado publicamente ese mes no torneo Concello de Nigrán, clásico derbi organizado dende o consistorio e que ata agora disputaba o Nigrán e o Racing Vilariño.

O Nigrán C.F. xurdiu hai máis de 15 anos tras fusionarse o Dunas e o Priegue. Nos seus 12 primeiros anos ascendeu vertixinosamente de Terceira Rexional a Preferente e na derradeira tempada descenderon de Segunda a Terceira Rexional. Só contaba cun equipo de afeccionados sénior tras acordar unha fusión en 2009 de todas as categorías base coa E.D. Val Miñor. Pola súa banda, ED Val Miñor-Nigrán naceu como tal en 2007 tras a andaina dende 1996 do Ureca, actualmente é unha das escolas de fútbol máis importantes do Noroeste peninsular con 408 xogadores e 25 equipos federados, tendo pasado polas súas filas 3.000 xogadores, entre os que destacan algúns como os irmáns Alcántara ou Rodrigo Machado.