Sin categoría

O PP de Gondomar considera excesivos os pasos elevados na EP-2302

O partido Popular de Gondomar súmase as queixas dos veciños das parroquias de Morgadáns e Chaín pola cantidade de pasos elevados que a Deputación Provincial de Pontevedra vén de realizar con motivo do asfaltado da estrada provincial EP-2302.

Na nota de prensa emitida pola Deputación Provincial en maio, anunciábanse un total de seis pasos de peóns sobreelevados (PPS). Sen embargo, no proxecto adxudicado á empresa Nexia Infraestructuras por un importe de 292.010,35€, contemplábase o asfaltado e a creación de catro pasos de peóns sobreelevados (PPS) e catro redutores físicos de velocidade de vehículos (RFVV), tamén chamados «lombos», así como a sinalización vertical.

Durante a fase de asfaltado, os veciños sorprendéronse da cantidade de pasos elevados que se deixaron, un total de nove dos seis anunciados en prensa. Pero foi maior a sorpresa cando a semana pasada executáronse as obras para facer tres lombos mais, co que a cantidade de pasos elevados ascenden a doce. Dáse a casualidade, de que no primeiro quilómetro de estrada hai sete, o que fai unha media dun lombo cada 140 metros. Paula Bouzós aclara que, «está claro que en determinadas zonas é necesario algunha medida para calmar o tráfico, como pode ser na contorna dos colexios, pero esta cantidade de pasos elevados non están para nada xustificados».

A presidenta do Partido Popular de Gondomar considera que esta cantidade de pasos elevados van ocasionar moitos problemas para os usuarios da estrada polos continuos cambios de velocidade que teñen que facer, xa que esta estrada non se caracteriza por ser perigosa, nin pola cantidade de accidentes. «O máis efectivo para a seguridade dos viandantes, sería o remate dos case seiscentos metros que quedan de beirarrúas, e que tanto o goberno provincial como o alcalde de Gondomar non teñen previsto realizar», afirma Paula Bouzós.

Ademais, os pasos elevados non compren coa normativa para a instalacións de redutores de velocidade (orden FROM/3053/2008), xa que algúns teñen unha altura superior á permitida e as ramplas de acceso non compren a distancia mínima. Todo isto fai que algúns vehículos rocen os baixos nos lombos, ou se produzan continuos saltos ó pasar polos mesmos. «Non me imaxino ó que debe ser para unha ambulancia que teña que acudir a unha emerxencia, ter que pasar por trece pasos elevados, así como as consecuencias para o paciente», sinala a presidenta do PP gondomareño. A todo isto hai que sumar que tres pasos de peóns rematan nun rego, polo que pide que se canalice o mesmo para facilitar o paso dos viandantes ao atravesar a estrada.

Paula Bouzós lle pide ao organismo provincial que arranxe as deficiencias detectadas no asfaltado que veñen de realizar, e que para garantir a seguridade dos viandantes rematen ás tan necesarias e demandadas beirarrúas, das que só faltan por executar seiscentos metros, e se canalicen os regos nos que rematan os pasos de peóns.

Ao mesmo tempo solicita do goberno Municipal, que abandone á súa idea de non querer construír as beirarrúas e se dirixa ao organismo provincial para que se leven a cabo estas obras tan necesarias, así como o arranxo dos pasos elevados e a súa diminución en número deixando soamente os máis necesarios. «Non é de recibo que o alcalde Paco Ferreira vote no pleno a prol dunha moción na que se pide o remate das beirarrúas, e despois lle diga á Deputación xustamente o contrario», remata Paula Bouzós.