
A presidenta da Royal Yacht Association (RYA), Sarah Treseder, visitou este martes o Monte Real Club de Yates de Baiona no marco da viaxe que estes días realiza por Galicia para explorar vías de colaboración con distintos portos deportivos galegos.
A máxima responsable da entidade de orixe británica, que conta con 150.000 socios en case 60 países do mundo, abordou cos representantes do club baionés a posibilidade de abrir novos mercados para cruceiristas que poderían repercutir positivamente na economía da zona.
En concreto, Treseder expuxo a posibilidade de intercambiar navegantes cos portos dos distintos países asociados á RYA, así como abrir novos mercados para cruceiristas e megaiates nas instalacións que así o permitan.
A súa estancia en Galicia xurdiu a raíz do contacto realizado co presidente de Portos de Galicia, José Juan Durán, durante a celebración da feira náutica London Boat Show o pasado mes de xaneiro. Ademais do presidente do ente público galego, Treseder estivo acompañada na súa visita ao Monte Real polo xerente do club, Óscar Calero, e o alcalde de Baiona, Ángel Rodal.