Anuncios
Ticker de novas

A Xunta permitirá capturar polbo a partir de mañá en toda Galicia

Mañá a partir das 05:00 horas comeza en Galicia a campaña extractiva do polbo e prolongarase ata a data de inicio da veda do ano 2019, que se fixará polo correspondente plan que se publicará antes da seguinte veda. Así o especifica a resolución do plan experimental para a xestión desta especie para a campaña 2018/2019.

A Consellería do Mar e o sector consensuaron un novo plan do polbo para este ano que permanecerá vixente ata que se publique o plan do ano que vén, que fixará a seguinte veda. Segundo establece este plan, a partir de mañá e ata o 31 de agosto, a cota máxima de captura desta especie é de 30 quilogramos por barco e día. A esta cantidade engádenselle 30 quilogramos día por cada tripulante enrolado a bordo, ata un máximo de 210 quilogramos día. No que resta de campaña a cota máxima será de 50 quilogramos por embarcación e día, cantidade á que se lle engaden 50 quilogramos/día por cada tripulante enrolado a bordo, ata un máximo de 350 quilogramos/día.

O horario de traballo das embarcacións con nasa para polbo iniciarase ás 06:00 horas –aínda que poden saír do porto ás 05:00h- e finalizará ás 16:00 horas e o descanso semanal desenvolverase dende as 16:00 horas do venres ata as 6:00 horas do luns. O número de nasas permitido está en función do tamaño da embarcación e do número de tripulantes enrolados.

En canto ao réxime de calamento das nasas de Cabo Silleiro a Corrubedo os aparellos terán que levantarse do seu calamento e levarse a porto todos os días coas seguintes excepcións: na zona de Cabo Silleiro a Con da Aguieira aquelas que estean establecidas en fondos superiores aos 25 metros poderán permanecer no seu calado sen ser levadas a porto incluso durante o período de descanso semanal. Na zona de Con da Aguieira a Cabo Corrubedo ata o 1 de outubro terán que levantarse as nasas e levalas a porto todos os días. Desde esa data ata o inicio da veda do ano seguinte, as nasas poderán permanecer caladas incluso durante o período de descanso semanal. No resto do litoral galego, as nasas poderán permanecer no seu calamento sen seren levadas a porto, incluso durante o período de descanso semanal.

A actividade será controlada a través do programa de seguimento e control, levado a cabo pola Subdirección Xeral de Gardacostas en colaboración cos gardapescas das confrarías e os servizos contratados ao efecto.

Anuncios