Anuncios
Ticker de novas

A Garda Civil investigou 151 delitos contra o medio ambiente durante o 2017 na provincia

As actuacións das diferentes unidades da Garda Civil na provincia de Pontevedra e principalmente do Servizo de Protección da Natureza (SEPRONA), durante o pasado ano, deron lugar á tramitación de preto de 1.600 infraccións administrativas e á detención investigación de 93 persoas.

Infraccións administrativas:

No apartado de infraccións administrativas formuláronse preto de 1.600 denuncias. Destacan as infraccións á normativa sobre residuos e verteduras con 291 actuacións, as relativas á normativa sobre animais de compañía 257, as infraccións á normativa sobre montes 146, sobre sanidade animal e epizootias 137 e as actuacións relacionadas coa normativa sobre augas 107.

Tamén son de destacar neste apartado as 100 denuncias formuladas por contravir a normativa sobre animais perigosos, 98 infraccións relacionadas coa pesca, 52 por infrinxir as normas sobre urbanismo e ordenación do territorio, 48 relacionadas coa sanidade e medio ambiente, 44 vinculadas coa sanidade vexetal e fitosanitarios e 41 actuacións sobre espazos naturais, flora e fauna.

Infraccións penais:

Os datos sobre infraccións penais sinalan un total de 151 delitos vinculados co medio ambiente, cuns resultados de 93 persoas detidas/investigadas.

Neste apartado destacan 50 delitos de incendio forestal, con 5 detidos e 14 investigados; 32 delitos relativos á propiedade industrial, con 32 investigados e 1 detido e, por último, 31 delitos de malos tratos ou abandono de animais domésticos, con 3 detidos e 17 investigados.

Tamén destacan outros delitos relativos á ordenación do territorio e á protección do patrimonio histórico e do medio ambiente, entre os que sobresaen os delitos urbanísticos (12) e os relativos á protección da flora e a fauna (3) e os delitos contra a saúde pública con produtos alimenticios (4).

Outras actividades:

En aplicación do convenio sobre o comercio internacional de especies ameazadas de fauna e flora silvestres (CITES), realizáronse varias intervencións e recuperáronse 12 réptiles (6 tartarugas carbonaria, 3 tartarugas rusas e 1 tartaruga trionix e 1 caimán) e 3 aves (2 falcóns gerifalte e un azor)

Noutra orde de actuacións, sinalar que durante o pasado ano o SEPRONA formalizou 1.096 actas por inspeccións realizadas nos distintos ámbitos das súas competencias específicas. Sobresaen as inspeccións realizadas por residuos e verteduras (179), as relacionadas cos animais de compañía (127), coa normativa de montes (101), sanidade animal e epizootias (89), augas (82) e razas caninas perigosas (82).

A Garda Civil é, desde as súas orixes, unha institución comprometida coa protección do medio ambiente, de feito, foi o corpo policial pioneiro internacionalmente en abordar a protección da natureza dunha forma integral, promovendo a creación de Unidades especializadas nesta materia, como é o caso do SEPRONA, que despois de cumprir o trinta aniversario da súa posta en servizo, segue sendo un referente noutras policías europeas.

Anuncios