A Banda Militar da Brilat volverá protagonizar a procesión de San Xoán en Panxón

Tras as multitudinarias fogueiras da noite do sábado ao domingo que inaugurarán as festas de Panxón, o domingo a Banda Militar Brilat de Pontevedra volverá ser a protagonista ao ofrecer por terceiro ano consecutivo un concerto e acompañar á procesión de San Xoán. A Banda da Brigada de Infantería Lixeira Aerotransportable participa nas principais procesións do país e, sen dúbida, a súa presenza unha vez máis en Nigrán contribuirá a sumar puntos a favor da declaración de Festa de Interese Turístico Galego. Así, ás 19:00 horas ofrecerá un concerto no peirao e trala misa cantada de San Xoán pola coral Ecos do Castelo (20:00 horas, Templo Votivo) desfilará na procesión. Posteriormente, a verbena estará amenizada por La Ola ADN e Claxxon.

O luns 25, Día do Carme, Panxón vivirá outra das xornadas máis esperadas e emotivas do ano coa gran tirada de fogos de artificio e coa homenaxe ao mariñeiro veterano da parroquia, sendo nesta edición Juan Sanromán Areal. Este día a festa comeza ás 11:00 horas con pasarrúas a cargo da Banda de Música de Guláns, que dará un concerto ás 12:00 no peirao. Ás 21.30 horas a misa cantada no Templo Votivo será a cargo da Coral Polifónica Novos Aires de Nigrán na honra da Virxe do Carme, posteriormente realizarase a tradicional procesión e ofrenda floral no porto coa gran tirada de fogos artificiais como cumio A verbena animaraa as orquestras Aramio e Televisión. As festas pecharanse o martes co Día do Neno.