Este venres a sala de comisións do Concello de Baiona acolleu unha reunión dos membros do xurado do V Galardón “General del Aire Santos Peralba” para designar ao distinguido con tal mérito.
Un xurado composto polo coronel xefe do Servizo Histórico e Cultural do Exército do Aire, Pablo Gómez Rojo, o alcalde de Baiona, Ángel Rodal, o ex alcalde e actual conselleiro de Sanidade da Xunta de Galicia, Jesús Vázquez Almuiña, o piloto baionés Manuel Pereira, un representante da familia Santos Peralba, a concelleira de Cultura e primeira tenente de alcalde, María Iglesias, e a secretaria do Concello, decidiu por unanimidade distinguir a Ignacio Martínez Eiroa “porque a súa traxectoria profesional e persoal serviu de exemplo e foi referente para promocións de compañeiros posteriores así como unha mostra exemplar para a sociedade e o seu servizo a esta”.
O Tenente Xeral do Exército do Aire Ignacio Martínez Eiroa naceu en Ferrol o 28 de outubro de 1925. Ingresou na Academia Xeral do Aire en xullo de 1945. Desde entón e ata o seu retiro por idade, realizou diversos cursos entre os que cabe destacar os de Piloto Militar de Transporte, Piloto de Voo Instrumental, Curso de Apoio Aéreo e Profesor de Pilotaxe de Helicópteros. Así mesmo, é Diplomado de Estado Maior do Aire, e realizou innumerables operacións de salvamento, como piloto experto en helicópteros, moitas delas na Coruña, rescatando a moitas persoas, que por diferentes causas pasaron apuros no Atlántico.
Cun total de 11.000 horas de voo, desenvolveu gran parte da súa carreira como piloto de helicópteros. Foi profesor de voo de S.M. o Rei Don Juan Carlos I, a quen lle une un gran afecto persoal e profesional, sendo o seu piloto durante moitos anos, depositando o monarca unha absoluta confianza nel.
Colaborou con artigos en varios libros e revistas, mantendo sempre unha traxectoria exemplar, contribuíndo a difundir os valores dos aviadores, achegando á sociedade o coñecemento das diferentes actividades que realiza o Exército do Aire.

