Nace en Nigrán o Festival Stella Maris Season Fest, o “Starlite Galego”

Os próximos días 3, 4 e 5 de agosto celebrarase en Praia América o Stella Maris Season Fest, no que concertos de Loquillo, Dyango, Café Quijano, grupos actuais do pop galego e sesións de distintos DJs compaxinaranse con actividades para toda a familia.

Stella Maris Season Fest é un festival que nace por mor da gran acollida que tivo o concerto de Stella Maris e Pablo Milanés no ano 2017, ao que acudiron máis de 6.000 persoas. Por iso, encárgaselle á empresa de organización de eventos Elemental Street que lle dea un empuxón máis ao evento converténdoo nun festival de tres días dirixido a diversos tipos de público de distintas xeracións.

Este festival nace coa intención de reunir a públicos de distintas idades e gustos. Un gran escenario pegado ao mar e unhas propostas musicais de calidade e dirixidas a públicos de gustos diferentes. Mesmo para a xente que non afai ir a festivais.

Loquillo e Dyango

Os cabezas de cartel do festival son: Café Quijano, que se sobe ao escenario o venres día 3. O grupo mítico dos 90, será teloneado por dous dos grupos do pop galego actual de máis éxito: Los Árboles e Gin Tonis. O sábado, pensado para un público distinto, será a quenda da Coral Stella Maris, que homenaxeará a un dos cantantes emblemáticos da canción romántica española: Dyango. O SeasonFest recupera así ao mítico intérprete catalán que cantará os seus temas máis coñecidos. O domingo será a quenda de Loquillo. O público sempre fiel do lendario rockeiro poderá gozar antes do concerto dos Chelsea Boots.

Sete concertos, djs, a mellor comida rueira servida nunha zona gastro con foodtrucks e actividades paralelas en distintos puntos para toda a familia durante as tres xornadas, cubrirán unha programación de luxo os días 3, 4 e 5 de agosto no Campo de Lourido (Praia América).