O Alcalde de Baiona, Ángel Rodal, asinou esta mañá o contrato de adxudicación para a realización da “Escola de Verán 2018”. A empresa adxudicataria é Servizos Integrais de formación, gañadora do concurso convocado pola institución municipal.
Un total de 110 menores participarán na “Escola de Verán 2018” do Concello de Baiona. O programa desenvolverase ao longo do mes de xullo, de luns a venres salvo o mércores 25 de xullo (festivo autonómico) de 8:00 a 15:00 horas no CPI Cova Terreña, onde participarán 60 menores, e no CEP de Sabarís, onde o farán 50. Haberá flexibilidade no horario de entrada (de 8:00 a 9:15) e no horario de saída (de 13:45 a 15:00).
En canto ao número de familias, 47 serán as beneficiadas no CPI Cova Terreña e 35 as do CEP Sabarís. Existen familias con varios fillos que os enviarán á actividade. En relación aos e as menores participantes, o 56% residen en Baiona centro, o 31.42% en Sabarís, 5.45% en Baíña e o 3.27% en concellos limítrofes, escolarizados nalgún centro do municipio.
O Alcalde comentou que “a Escola de Verán é un proxecto dinamizador, cultural e de lecer, co que se pretende propiciar espazos lúdicos durante o verán aos nenos e nenas de Baiona, durante o mes de xullo, coincidindo coas vacacións escolares de verán, a través de actividades relacionadas coas habilidades, a lectura, a comunicación, a igualdade, o deporte, a saúde ou o medio ambiente…”.
A Concelleira de Igualdade, Mª Carmen Paredes, explicou que esta iniciativa cobre dous obxectivos fundamentais, por unha banda, no que respecta aos nenos e nenas, o obxectivo é ofrecer un espazo de lecer e tempo libre mediante esta oferta co que fomentar actitudes e hábitos de axuda, respecto, colaboración, cooperación e non discriminación, motivar e reforzar a creatividade, imaxinación e expresión e aprender a gozar do tempo libre dunha forma útil. En canto ás familias, busca contribuír á conciliación da vida familiar e social.
Respecto das actividades que se van a desenvolver, continuou a edil, serán sempre adaptadas ás idades e características dos nenos desenvolvendo obradoiros e accións formativas e educativas como sensibilización ambiental, atención á diversidade e fomento de actitudes e hábitos non discriminatorios, animación á lectura, igualdade de oportunidades, animación sociocultural, uso do tempo libre como espazo socializador e participativo e hábitos saudables… Os obradoiros compleméntanse con saídas e visitas na contorna do municipio, sempre autorizadas polas familias ou titores, e programadas coordinadamente co persoal técnico responsable.
A Escola de Verán 2018 do Concello de Baiona pretende ocupar o tempo libre dos nenos e nenas en idade escolar de forma organizada e planificada a través de actividades de calidade. É unha medida municipal de conciliación promovida pola Concellería de Igualdade, e cofinanciada polo Concello de Baiona, as familias participantes e a Deputación de Pontevedra.

