Este sábado día 16 de xuño celebrarase no Pavillón de Deportes de Panxón, organizado polo Club de Xadrez Laroca coa colaboración do Concello de Nigrán e varias casas comerciais do Val Miñor, o VII Torneo de Xadrez Dani da Rocha Prol, pertencente ao XIII circuíto galego de promoción.
O torneo comezará a partires das 10:30 coa confirmación das inscricións, para a partir das 11:00 da mañá empezar coas partidas. Na competición participarán as categorías sub 8, sub 10, sub 12, sub 14 e sub 20 e celebraranse en sete roldas, repartidas en horario matutino con tres roldas e catro pola tarde. O ritmo de xogo será para as dúas primeiras categorías a un ritmo de 20 minutos finish, e para o resto 15 minutos con un incremento de 5 segundos por movemento.
Haberá trofeo para os cinco primeiros clasificados, así como para o mellor xogador local, ademais de sorteo de regalos entre os participantes, dos que destacan dúas bicicletas, material informático, etc. A entrega de premios e o sorteo está prevista a partires das 19:30 horas.

