Anuncios
Ticker de novas

Ovalmi empeza unha campaña para vixiar que os furanchos da comarca cumpran a normativa

A Asociación de Empresarios e Comerciantes do Val Miñor empeza unha campaña para vixiar que os furanchos da comarca cumpran a normativa municipal e autonómica que os regula. Solicitará aos Concellos que inspeccionen os furanchos existentes nos seus municipios para controlar que cumpran coa normativa e que non estean a incorrer en irregularidades.

Ademais, pola súa banda, a Asociación visitará os furanchos da comarca e denunciará ante o Concello correspondente, as Consellerías de Turismo, Medio Rural, Sanidade, Inspección de Traballo e a Axencia Tributaria a aqueles furanchos que se atopen en situación irregular por falta de cumprimento dos requisitos esixidos na normativa.

E iso porque os infractores incorren en competencia desleal cos establecementos hostaleiros que ven obrigados a cumprir numerosa normativa que os regula e facer fronte a elevados tributos.

Os furanchos han de estar situados en vivendas privadas en zonas rurais. Os propietarios da vivenda só poden vender o excedente do viño da súa propia colleita, elaborado en casa para o seu consumo particular e procedente das súas leiras, polo que os propietarios deben ter o seu viñedo inscrito no Rexistro vitivinícola de Galicia e realizar, antes de iniciar a súa tempada, as declaracións obrigatorias do sector vitivinícola ante a Consellería de Agricultura.

Han de obter licenza municipal previo o cumprimento dos requisitos esixidos polo Concello, e estar inscritos no correspondente rexistro municipal de furanchos.

A normativa considera intrusismo a realización ou a publicidade polos furanchos da actividade propia das empresas de restauración e sancionaranse por iso. No exterior, só poderán sinalizarse, dentro da tempada, coa tradicional rama de loureiro, estando prohibida calquera sinalización indicativa do lugar como rótulos, bandeirolas, propaganda. No interior tampouco se permite publicidade nas mesas, cadeiras e demais mobiliario.

Así mesmo están prohibidas as instalacións audiovisuais ou musicais e non se poderá instalar ningunha fonte sonora no interior do furancho.

Só poden estar abertos un máximo de 3 meses ao ano á súa elección entre o 1 de decembro e o 30 de xuño, data na que finaliza a tempada de furanchos, polo que no mes de xullo non poderá estar ningún furancho aberto.

O horario de apertura previsto na normativa do Concello de Gondomar é de 19 a 24 horas, ampliando sábados, domingos, festivos e vésperas de festivos de 12 a 15 horas. Este horario poderá ser ampliado media hora máis as noites de xoves a venres, de venres a sábado, de sábado a domingo, as noites anteriores aos festivos e a noite do día festivo.

O viño non pode estar embotellado, senón que debe proceder do barril directamente, e só poden ofrecer para acompañar o viño un máximo de 5 tapas de elaboración propia de entre as enumeradas na normativa, sen que en ningún caso poida ofrecerse outra clase de produtos alimenticios.

Ademais, como os demais establecementos hostaleiros, deberán cumprir cos requisitos sanitarios que establece a normativa en materia de hixiene para a elaboración e distribución das tapas que sirvan, a normativa sobre prevención e protección contra incendios, a normativa sobre prevención de riscos laborais, a normativa acústica, dispoñer de follas de reclamación a disposición dos usuarios e entregalas cando se lles soliciten, emitir xustificantes de pago cun detalle dos artigos consumidos e os seus prezos e ter contratado un seguro de responsabilidade civil.

Anuncios