O salón de plenos do Concello de Baiona acolleu este martes un pleno infantil no que participaron 45 alumnos de 4º de Primaria do C.P.I. Cova Terreña. O alcalde, Ángel Rodal, e a Concelleira de Educación, Beatriz González, deron a benvida ao alumnado ás dependencias municipais e explicáronlles o funcionamento dunha sesión plenaria.
Os nenos e nenas do Cova Terreña elixiron a un alumno como Alcalde e a outros compañeiros como representantes da oposición para logo cada un deles elixir os membros do seu equipo. Tamén nomearon a unha secretaria e a unha interventora para levar a cabo un pleno real entre eles. O resto de alumnado xogou o papel de público. Os estudantes acudiron acompañados pola directora do centro, Isabel Martínez Cabaleiro, e as súas titoras.
O alumno/alcalde elevou unha proposta a este peculiar pleno infantil e o resto de nenas e nenos que formaban parte da corporación expuxeron os seus argumentos a favor e en contra.
Finalizadas as intervencións, Rodal e González felicitaron aos nenos e nenas polo bo traballo realizado, pero, sobre todo, quixeron mostrar a súa satisfacción ante o talante e a capacidade de diálogo do alumnado. Tamén neste sentido, a concelleira de Educación dixo sentirse «emocionada pola claridade de ideas que mostrastes sobre temas relativos á educación e ao voso centro de estudos».
A última parte do pleno foi para as preguntas, onde novamente os pequenos deron renda solta á súa imaxinación.
O obxectivo desta actividade coordinada pola Concellería de Educación e a dirección do centro é que, ademais de coñecer as dependencias municipais, os escolares familiarízanse dunha maneira divertida coa política municipal, que é a que máis lles pode afectar.
O alcalde e a Concelleira de Educación asistiron ao pleno e afirmaron estar moi atentos ás propostas, aínda que moitas delas eran moi “fantasiosas”.
Ao longo do mes de xuño o Concello recibirá a máis alumnado dos diferentes centros de educación primaria de Baiona. Outros centros deixaron para o mes de outubro esta bonita actividade coordinada entre a Concellería de Educación e a dirección dos centros de educación primaria.


