A Deputación achegará 168.000 € ao Val Miñor para o cofinanciamento dos servizos sociais

A Deputación de Pontevedra adxudicou, en Xunta de Goberno, o Plan de Cofinanciamento dos Servizos Sociais Comunitarios Municipais para os concellos de menos de 20.000 habitantes. Son un total de 2.189.546 euros dos que se benefician 52 municipios da provincia. “É con este goberno da Deputación co que achegamos o maior orzamento destinado nunca aos servizos sociais comunitarios na provincia, e grazas a isto, os concellos poden ter a estrutura suficiente para atender de xeito adecuado os servizos sociais comunitarios”, destacou a presidenta. O Val Miñor recibirá 168.670 euros, que van para Baiona (51.106 €), Gondomar (55.050 €) e Nigrán (62.514 €).

O obxecto do Plan de Cofinanciamento dos Servizos Sociais Comunitarios Municipais é, por un lado, financiar o servizo de axuda no fogar básico, e por outro, contratar persoal técnico para os equipos municipais de servizos sociais comunitarios con perfís profesionais diferentes e complementarios. A presidenta da Deputación explicou que como novidade este ano 2018, ademais de aportar o maior investimento ata agora, tamén se financia a todos os concellos que ata este ano non contaban con técnicas e técnicos medios. “Axudamos así aos municipios que ata agora non podían prestar un servizo o máis adecuado porque non tiñan todos os recursos humanos necesarios para garantilo. Unha vez máis, a Deputación ten como eixo prioritario a equidade e que todos os concellos da provincia reciban os recursos precisos para garantir todos os dereitos e todos os servizos”, afirmou Silva.