Nigrán organiza seis campus deportivos de verán para os máis pequenos

FOTO: CONCELLO DE NIGRÁN // Campus de Verán de Prado Surf Escola.

O Concello de Nigrán, coa colaboración dos clubs do municipio, organiza dende finais de xuño a mediados de agosto seis campus deportivos orientados a nenos e adolescentes. O prazo de inscrición para cada un arranca 15 días antes do comezo do mesmo, podendo apuntarse xa dende este luns os interesados en participar no campus de Prado Surf (do 25 ao 29 de xuño e cun prezo de 60 €).

As inscricións deben facerse na Oficina de Información do Concello de Nigrán (de 09:00 a 14:00 de luns a venres). Todos teñen un custo de 60 euros (agás o do Club Baloncesto Nigrán, de 45 €) e unha duración de catro días, existindo nalgúns a posibilidade de empregar servizo de coidador para ampliar horario e permitir mellor conciliación familiar.

Os campus están orientados a un público infantil e adolescente e arrancan o día 26 de xuño con surf a cargo de Prado Surf e a continuación, do 2 ao 6 de xullo, será o do Club de Tenis Nigrán (que se repite do 16 ao 20 de xullo). Os restantes van sucedéndose ao longo de todo o verán sen solaparse: baloncesto (Club Baloncesto Nigrán, do 9 ao 13 de xullo), fútbol sala (Panxón Nigrán F.S., do 23 ao 27 de xullo) , multideporte e animación (do 30 de xullo ao 3 de agosto), e finalmente fútbol (E.D.Val Miñor, do 6 ao 10 de agosto). O Concello achegará a merenda diaria para cada participante e a cobertura do seguro.