Gondomar crea un banco de microcréditos de ata 3000€ para proxectos produtivos

O Concello de Gondomar abre unha vía de financiamento, a través de microcréditos, para proxectos produtivos. 3000€ será a cantidade máxima a solicitar, por cada solicitude.

Favorecer o crecemento de proxectos económicos e vitais, require na maioría dos casos o acceso ao financiamento. En moitas ocasións boas ideas, que precisan cantidades modestas de diñeiro, para dar un chimpo cualitativo, quedan afogadas, por falta de remanente co que comprar: maquinaría, ferramentas, sementes, prantas, alugar terras, etc.

Vivimos nun contexto económico-social onde as clases máis desfavorecidas teñen moi difícil facer proxectos de vida correndo o risco e cair nunha grave exclusión social. O crédito nos sectores produtivos, que subministran os mercados financeiros habituais son máis caros e quedan restrinxidos a proxectos de maiores dimensións. Pola contra vías alternativas de financiamento para cantidades de rango menor, cargan uns xuros e gastos moito máis altos.

«Dende a Concellería de Comercio queremos contribuír, con esta iniciativa pioneira, a contrarrestar as desigualdades sociais e a loitar contra a discriminación social, para iso creamos o banco de microcréditos que nace para favorecer o desenvolvemento de pequenos proxectos produtivos, para que aquelas persoas que teñen dificultades para acceder a créditos para desenvolver proxectos de vida que lles permita vivir dignamente», destaca Xosé Antón Araúxo.

«Somos conscientes que unha Concellería como a de Turismo e Comercio -continúa Araúxo-, que a penas dispón de 7.000€ anuais de orzamento, nun concello sen orzamentos propios, ten unha limitada capacidade de actuación, pero tamén somos conscientes que a vontade colaborativa dos veciños, é un potente instrumento de transformación económica e social que xenera beneficios mutuos. A nosa contribución estará baseada na posta en contacto e asesoramento entre os particulares prestamistas e prestatarios».

O concelleiro engade que é certo que non existen moitas experiencias de microcréditos semellantes, «pero tamén é certo que no noso propio concello, están funcionando experiencias deste tipo, con normalidade e satisfactoriamente, tal como acontece na Comunidade de Montes de Couso, que puxo a funcionar varios proxectos produtivos con aporte de microcréditos entre particulares».

Os microcréditos serán transparentes, e asinaranse diante da facenda galega. O plano experimental ábrese co acceso a microcréditos de 3000€ para persoas do Concello de Gondomar que plasmen a consistencia do seu proxecto de crecemento económico nun documento que servirá de base para a súa tramitación.

O seu funcionamento rexirase polas seguintes normas:
1. Os microcréditos só serán utilizados para desenvolver proxectos produtivos.
2. A persoa solicitante dun microcrédito ten que presentar unha memoria sobre en que consiste o proxecto que quere desenvolver.
3. As contías dos préstamos non superarán os 3.000 euros.
4. O prestatario obrígase a devolver o préstamo nun prazo de 5 anos pagando un xuro anual do 4% ao prestamista.
5. A relación entre prestamista e prestatario formalizarase mediante contrato rexistrado na facenda galega.

Aquelas persoas interesadas, poden dirixirse á Concellería de Comercio e Turismo.