O Monte Real Club de Yates cumpre seis anos normalizando a diversidade funcional

O Monte Real Club de Yates celebrou esta mañá en Baiona o sexto aniversario da súa Escola de Vela Adaptada, creada no 2012 co obxectivo de achegar o mundo da vela a persoas con diversidade funcional, promovendo así a súa integración na sociedade.

Durante os últimos seis anos, máis de 300 alumnos con discapacidades físicas, psicosociais, cognitivas e sensoriais navegaron nos barcos adaptados do club grazas aos cursos de vela inclusivos que o Monte Real organizou co apoio de Fundación Repsol e a Xunta de Galicia a través da Consellería de Política Social e Deporte Galego.

Mellorar o nivel físico e emocional das persoas con discapacidade, aumentar a súa autoestima, incentivar as relacións entre compañeiros, xerarlles motivación e que gocen en contacto directo coa natureza, achegándoos ao mar, son os principais beneficios que se conseguen con este tipo de actividades, impulsadas desde a única escola do noroeste peninsular que funciona ao longo de todo o ano.

Os últimos alumnos que pasaron polo Monte Real para participar no seu programa de “Vela para todos” son usuarios de asociacións como o Centro Juan María de Nigrán, o Centro de Atención a Persoas con Discapacidade de Redondela ou a Asociación Galega contra as Enfermidades Neuromusculares (ASEM Galicia). Asistiron a cursos de vela lixeira e cruceiro, fixeron travesías pola baía de Baiona e chegaron a participar en competicións de alto nivel como o Trofeo Príncipe de Asturias.

Este mércores, como broche de ouro ás súas actividades, asistiron ao acto de clausura da escola e recibiron uns diplomas que acreditan a súa participación nos cursos.

Durante o evento, o presidente do Monte Real Club de Yates, José Luis Álvarez, lembrou como a educación e o emprego foron, desde sempre, os dous alicerces básicos para chegar á plena inclusión social, e como o club apostou –dixo- por un terceiro alicerce, o da práctica deportiva.

“Lograr que todo aquel que o desexe poida practicar deporte en igualdade de condicións foi, desde o principio, o noso principal obxectivo e tamén o noso reto. Un reto –asegurou – que asumimos cunha enorme responsabilidade por todo o que implica”. Trátase, dixo Álvarez, de integrar coa máxima normalidade ás persoas con discapacidade na sociedade, e a práctica náutica, desde o seu apartado máis lúdico ata o competitivo, é unha forma tan boa ou máis que calquera outra, afirmou o presidente do Monte Real.

A Escola de Vela Adaptada do club baionés conta, na actualidade, con tres barcos GOS16, un tipo de embarcación estable e segura que facilita a navegación destas persoas. Tamén dispón dun guindastre específico para que os alumnos poidan acceder aos barcos con maior facilidade, un camiño adaptado para que transiten polo club con seguridade e varios monitores formados especificamente para ensinarlles a navegar.

Ao acto de clausura do sexto curso da Escola de Vela Adaptada do Monte Real asistiron, este mércores, o subdirector xeral de promoción de autonomía da Xunta de Galicia, Luis Miguel Vázquez; o xefe de servizo de dependencia do goberno autonómico, José Ignacio Martínez; e o xefe provincial de deportes, Daniel Benavides. Estiveron tamén presentes o alcalde de Baiona, Ángel Rodal; e varias responsables de Fundación Repsol, Luisa Roldán e Ana Ferguson da Área Social e Inés González do departamento de mariña e pesca de Repsol.

Por parte do club baionés asistiron varios membros da Xunta Directiva, e o vicepresidente Alejandro Retolaza foi o encargado de clausurar o acto. Na súa intervención fixo un breve repaso do pasado, presente e futuro da Escola de Vela Adaptada, como un soño –dixo- que finalmente puideron facer realidade, e que esperan seguir consolidando nos próximos anos. Anunciou tamén Retolaza a celebración, o próximo 15 de setembro, da cuarta edición do Vertiatlón, un tríatlon solidario co que o club recada fondos para a súa Escola de Vela Adaptada.