Alumnos do CEP Sabarís, concelleiros de Baiona por un día

FOTO: CONCELLO DE BAIONA // Os alumnos do CEP Sabarís exercendo de alcalde e concelleiros.

O Salón de Plenos de Baiona acolleu este luns un pleno infantil no que participaron 45 alumnos dos cursos de 5º e 6º de Primaria do C.E. P. Sabarís. O alcalde, Ángel Rodal, e a concelleira de Educación, Beatriz González, deron a benvida ao alumnado ás dependencias municipais e explicáronlles o funcionamento dunha sesión plenaria.

Os nenos e nenas do C.E. P. Sabarís elixiron a un alumno como alcalde e a outros compañeiros como representantes da oposición para logo cada un deles elixir os membros do seu equipo. Tamén nomearon a unha secretaria e a unha interventora para levar a cabo un pleno real entre eles. O resto do alumnado xogou o papel de público.

O alumno/alcalde elevou unha proposta a este peculiar pleno infantil e o resto de nenas e nenos que formaban parte da corporación expuxeron os seus argumentos a favor e en contra. Finalizadas as intervencións, Rodal e González felicitaron aos nenos e nenas polo bo traballo realizado, pero, sobre todo, quixeron mostrar a súa satisfacción ante o talante e a capacidade de dialogo do alumnado. Tamén neste sentido, a concelleira de Educación dixo sentirse «emocionada pola claridade de ideas que mostrastes sobre temas relativos á educación e ao voso centro de estudos».

A última parte do pleno foi para as preguntas, onde novamente os pequenos deron renda solta á súa imaxinación. O obxectivo desta actividade coordinada pola Concellería de Educación e a dirección do centro é que, ademais de mostrar as dependencias municipais, con esta actividade os escolares familiarízanse dunha maneira divertida coa política municipal, que é a que máis lles pode afectar.

O alcalde e a concelleira de Educación asistiron ao pleno e afirmaron estar moi atentos ás propostas, aínda que moitas delas eran moi “fantasiosas”. Ao longo do mes de xuño o Concello recibirá a máis alumnado dos diferentes centros de educación primaria de Baiona. Outros centros deixaron a actividade para o mes de outubro.