O Concello de Baiona abre o prazo para inscribirse no campamento urbano que se celebrará nos meses de xullo e agosto. A actividade é gratuíta e está destinada a menores de 5 a 11 anos. A Concellería de Cultura e Xuventude organiza esta actividade para ofrecer a posibilidade de que os nenos e nenas empreguen o seu tempo libre estival participando en actividades de calidade de forma organizada e planificada, promovendo a corresponsabilidade, a cooperación, a educación en valores, coñecendo os espazos públicos municipais, e fomentando a convivencia entre os nenos empadroados e os nenos que teñen no concello a súa segunda residencia.
Para a celebración das actividades establécense dúas quendas: do 16 ao 31 de xullo (excepto o 25 de xullo, por ser festivo) e 1 ao 14 de agosto. Os horarios serán de luns a venres de 10:30 a 13:30 horas e haberá 30 prazas por quenda. Durante o campamento desenvolverase un programa de actividades de lecer e tempo libre previamente programado. Haberá xogos de cooperación, visitas á Carabela Pinta e a Virxe da Rocha, realizarán un tramo do Camiño pola Costa, unha festa temática cada fin de quenda, etc. A recepción dos participantes sempre terá lugar na Praza do Concello.
Os participantes unicamente poderán optar a unha quenda, excepto no caso de que queden prazas. A solicitude pode ser individual ou múltiple (no caso de irmáns) e as persoas interesadas deberán recoller o formulario de solicitude na Oficina Municipal de Información Xuvenil (OMIX) do 5 ao 16 de xuño de 2017, e entregalo no Rexistro Xeral do Concello ou na Sede electrónica do Concello de Baiona (baiona.sedelectronica.gal), xunto coa fotocopia do DNI ou libro de familia.
A adxudicación de prazas realizarase mediante sorteo público, que terá lugar o 25 de xuño no Salón de Plenos do Concello ás 13:30 horas e con anterioridade ao sorteo, publicarase a lista de admitidos ou excluídos na web do Concello (www.baiona.org). Os nenos e nenas que non dispoñan de praza, pasarán a formar parte da lista de espera, coa finalidade de cubrir as baixas que se poidan producir. Máis información na OMIX, no teléfono 986 385 925 ou en xuventude@baiona.org.

