A Deputación achega a Baiona 67.000 € para o talaso da cetaria de Monte Boi

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra vén de aprobar catro novas achegas para os concellos de Arbo, Caldas de Reis, Baiona e Poio, ao abeiro da liña 1 de investimentos do Plan Concellos 2018, por un total de 351.963,15 euros.

Para Baiona, a Deputación de Pontevedra aprobou unha achega de 67.349,52 euros cos que poderá financiar o investimento do equipamento de hidroterapia na antiga cetaria de Monte Boi. Deste xeito, Baiona xa ten recibido 1.225.139,35 euros do Plan Concellos 2018, isto supón o 77,4%.

Este ano a Deputación pon a disposición dos concellos da provincia, no marco da liña 1 do Plan Concellos, case 60 millóns de euros, distribuídos entre 28.501.200 € do Plan 2018 e o adianto de 30 millóns de euros da liña 1 do Plan 2019.