O vigués Javier de la Gándara sumou este fin de semana un novo título á súa prolífica carreira como regatista ao facerse co Campionato Galego de A Dous, celebrado nas Rías Baixas baixo a organización do Monte Real Club de Yates e a Real Federación Galega de Vela.
Fíxoo da man de Diego Fernández, un dos seus tripulantes habituais no Okofen, co que o pasado mes de maio lograba o bronce do Campionato de España de J80, e co que nesta ocasión sentenciou a competición cun pleno, levándose os tres títulos en disputa.
Ademais de converterse nos novos campións galegos de A Dous, fixéronse co ouro do Trofeo Inserimos e co copón do IV Memorial Rafael Olmedo, un galardón que recibiron de mans de Rafa Olmedo, fillo do que fose presidente do Monte Real durante máis de 40 anos, ao que se lle dedicaba o trofeo.
O Okofen levou a vitoria tras compensar os tempos dunha regata na que o barco máis rápido foi o Clínicas Gaias do Real Club Náutico de Portosín. Patroneado por José María Peinó e tripulado por Ramón Quiroga, o veleiro completou as algo máis de 35 millas de ida e volta entre Baiona e o Faro de Camouco, no arquipélago de Ons, en pouco máis de 6 horas.
Foi o primeiro en cruzar a liña de chegada dunha regata que saía puntual ás once da mañá do interior da baía baionesa, cun vento escaso que aos poucos foi caendo e complicoulle a navegación ás tripulacións na zona de Carallones. Conforme foi avanzando a proba, o vento subiu de intensidade, chegando mesmo aos 14 nós por momentos, e os veleiros puideron avanzar con facilidade.
Tras o Clínicas Gaias, o segundo en cruzar a liña de chegada foi o MBA Atlántico, de Rui Ramada e Afonso Leite, outro dos barcos destacados na competición. Foi o máis rápido nas primeiras millas de percorrido e mantívose na cabeza durante gran parte do trazado, o que lle permitiu levar a prata da categoría A Dous 1. O bronce desta clase foi para o SND Cormorán, de Pablo Cabello e Francisco Javier Martínez.
Na clase A Dous 2 subíronse ao podio o Ay Carmela de Juan Martínez Pazó e Rafael Martínez, do Liceo Marítimo de Bouzas; o Juliana by Deep Blue de Vicente Cid e Javier Miguez, do Real Club Náutico de Vigo; e o Q Talento de Javier Rey e Jorge Justo, do Monte Real Club de Yates; que quedaron primeiro, segundo e terceiro respectivamente.
Na competición en tempo real dos monotipos J80, o máis rápido foi o Okofen de Javier de la Gándara e Diego Fernández; e a segunda e terceira posición repartíronllas entre o Marías de Manuel María Cunha e Diogo Pontes, do Monte Real Club de Yates; e A Galera do Real Club Náutico da Coruña, tripulado por Jaime García e José María Calviño.
GAÑADORES DO CAMPIONATO GALEGO DE A DOUS
Javier de la Gándara e Diego Fernández • OKOFEN • Monte Real Club de Yates
GAÑADORES DO TROFEO INSERIMOS
CLASE A DOUS – 1
- OKOFEN • Javier de la Gándara e Diego Fernández • MRCYB
- MBA ATLÁNTICO • Rui Ramada e Afonso Leite • MRCYB
- SND CORMORÁN • Pablo Cabello e Francisco J. Martínez • MRCYB
CLASE A DOUS – 2
- AY CARMELA • Juan Martínez Pazo e Rafael Martínez • LM BOUZAS
- EL JULIANA BY DEEP BLUE • Vicente Cid e Javier Miguez • RCN VIGO
- Q TALENTO • Javier Rey e Jorge Justo • MRCYB
CLASE J80
- OKOFEN • Javier de la Gándara e Diego Fernández • MRCYB
- MARÍAS • Manuel María Cunha e Diogo Pontes • MRCYB
- LA GALERA • Jaime García e José María Calviño • RCN A Coruña
GAÑADOR DO IV MEMORIAL RAFAEL OLMEDO
OKOFEN • Javier de la Gándara e Diego Fernández • MRCYB







