Baiona construirá unha nova senda peonil e ciclista na Praia Ladeira

FOTO: CONCELLO DE BAIONA // A zona de construción da pasarela de madeira.

O Concello de Baiona construirá unha nova senda no treito da praia da Ladeira de acceso ao merendeiro e ao cámping que conectará co paseo litoral. Esta senda dará continuidade á pasarela de madeira existente próxima á zona dunar e terá un espazo delimitado tanto para peóns como para ciclistas.

“Actualmente os peóns deben abandonar a seguridade do paseo e cruzar por unha plataforma asfaltada, sen beirarrúas, onde o uso prioritario é o do automóbil. Con isto preténdese solucionar esta discriminación ao peón e ao ciclista, evitando riscos da vía compartida, construíndo o tramo do paseo que complete os tramos existentes”, destacou o Alcalde, Ángel Rodal.

Rodal detallou que “se vai a construír un paseo de madeira no marxe noroeste do actual, de 1,50 m de ancho, con protección mediante varanda nas dúas marxes e apoiado ou colgado de 100 metros de lonxitude, que una o paseo ciclo peonil existente e proporcione un acceso seguro tanto ao cámping como á Praia da Ladeira e á zona de merendeiro”.

A actuación custará 40.185,62 euros e serán financiados ao 75 % por Turismo de Galicia (Xunta) e o 15 % polo Concello de Baiona.

Esta nova actuación súmase á anunciada no mes de maio pola Conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, que avanzou a licitación dunha nova senda no treito da praia de Santa Marta, e na que o seu departamento investirá 555.000 euros. Esta senda dará continuidade ao carril-bici existente, e inclúe a reposición e ampliación da sección da actual pasarela de madeira, de modo que teña un espazo delimitado para ciclistas.

Estas intervencións, incidiu, mostran a aposta da Xunta pola mellora da seguridade viaria e da mobilidade en Baiona, cun investimento total de máis de 1,2 millóns de euros.

Anuncios