O Club Ciclista Rías Baixas desprega ao seu tridente na Volta a Coruña

David Galarreta, Antonio “Chava” Angulo e Francesc Zurita, tres corredores que a pasada campaña militaban no campo profesional, liderarán desde este venres ao Club Ciclista Rías Baixas na Volta á Provincia da Coruña. A entidade presidida por José Luis Chamorro desprega ao seu tridente para aspirar ao máximo nunha das citas marcadas en vermello no calendario.

A rolda coruñesa, unha das dúas probas por etapas que se celebran en Galicia, resísteselle á entidade miñorana. Foi protagonista en varias das anteriores cinco edicións que disputou, pero nunca conseguiu triunfar nunha etapa, nin na xeral.

Para poñer punto final a este maleficio, o director deportivo Iván Rodríguez aliñará aos seus tres xefes de filas. Os líderes do Club Ciclista Rías Baixas chegan avalados polos seus resultados. Angulo adxudicouse unha etapa da Volta Alacante e terminou terceiro o pasado domingo na Volta ao Guadalentín, ese mesmo día Galarreta proclamouse campión de Cantabria de contrarreloxo individual e Zurita xa se anotou esta campaña a xeral final do Memorial Sanroma.

O “sete” dos do Val Miñor complétano Óscar Justo, Cristian Cuervo, Ignacio Zamanillo e Jaume Bonnin, catro escaladores que atoparán un terreo que lles vai como anel ao dedo.

A décimo sétima edición desta volta caracterízase pola súa dureza. Na primeira xornada, Ponteceso-Ponteceso (150 km), os corredores subirán tres portos de montaña. Un deles será o Miradoiro do Ézaro, de 1ª categoría, situado a 53 quilómetros para o final.

O percorrido do sábado, Curtis-Curtis (133 km), presenta o trazado menos selectivo desta rolda e debería exercer de antesala da etapa reina do domingo, Cariño-Cariño (125 km). Neste terceiro e último día sobresae o alto da Garita da Herbeira, de 1ª categoría e coa súa cima a 10 km da meta, a traca final a un perfil con dúas ascensións puntuables máis.