O IEM leva recollidos máis de 700 topónimos da parroquia de Priegue

O Concello de Nigrán presentará este domingo 27 de maio no Centro Cultural O Torreiro o borrador do estudo sobre microtoponimia da parroquia de Priegue encargado ao Instituto de Estudos Miñoráns (IEM). O historiador Anxo Rodríguez Lemos, responsable deste traballo, informou que aínda é necesaria a colaboración de veciños de barrios como Rouxo ou As Chans, onde a densidade toponímica é polo momento menor.

No transcurso dun xantar popular, o historiador animará a colaborar aos veciños nunha recollida que se finalizará nos próximos meses, cando se celebrará a presentación oficial con visita guiada pola parroquia. Anteriormente, e tamén coa contratación do IEM, xa se presentou o de Panxón, Parada, Camos e Chandebrito, sendo o obxectivo do goberno completar as sete parroquias do municipio.

No caso de Priegue detectáronse ata o de agora máis de 700 topónimos nos seus 381 km2 de extensión, pertencendo a gran maioría a terras de labor (233), seguido de montes e outeiros (79), camiños e carreiros (71), casas (65), presas (30)…

“O patrimonio cultural non se limita a monumentos e coleccións de obxectos, senón que comprende tamén tradicións ou expresións vivas herdadas dos nosos antepasados e transmitidas aos nosos descendentes, como tradicións orais ou nomes de lugar (topónimos)”, explica o alcalde de Nigrán e historiador Juan González, quen engade que “deste xeito desde o goberno local blindamos a nosa cultura oral e tradicións á vez que abrimos a posibilidade a moitos veciños de localizar propiedades que figuran en escrituras pero que non se saben situar”.

Grazas a este estudo toda pequena referencia xeográfica (campos, leiras, fontes, hórreos, pazos, montes, lavadoiros, presas, regatos…) co seu nome correcto queda documentada e xeolocalizada. Ademais, permite realizar un catálogo e actualización dos bens patrimoniais da parroquia á vez que se recollen os ditos, lendas, cancións populares ou refráns da zona. Grazas a isto, corrixirase a sinalización instalada se é incorrecta (tanto do patrimonio como dos viarios públicos).

O traballo inclúe fotografías dos elementos materiais máis destacados da parroquia, gravando en vídeo ás persoas que máis sobresaen polos seus coñecementos e xeolocalizándose a toponimia maior e menor. A segunda fase é para cotexar os datos obtidos polas fontes actuais cos que figuran nos arquivos como o Histórico Nacional, Provincial de Pontevedra, Diocesano de Tui, Municipal de Nigrán ou Baiona. Finalmente, todo quedará documentado nunha web onde se xeolocalizará e referenciará de forma que estea facilmente a disposición de calquera persoa. Servirá como fonte documental e fixará os nosos topónimos de maneira correcta para sempre. «Con este traballo garantimos que o patrimonio oral, frecuentemente desatendido, non se perda», engade o rexedor.

O Patrimonio cultural inmaterial ou Patrimonio cultural intanxible forma parte das declaracións da Unesco para salvaguardar.