
A Concellería de Xuventude do Concello de Gondomar, dirixida por Nuria Lameiro, ofrece unha nova actividade de ocio en familia. Ante a aceptación e bo resultado da realizada o ano pasado proponse unha nova xincana pero con diferente temática, o medio ambiente.
A través desta actividade lúdica a Concellería de Xuventude quere concienciar a grandes e pequenos da importancia do respecto e o coidado á natureza. A través dunha serie de probas de temática medioambiental realizarán un percorrido polo Monte Serra do Galiñeiro no que o ocio en familia e a defensa da natureza serán a súa bandeira.
Os participantes de 6 a 16 anos deberán ir sempre acompañados dun adulto, non sendo preciso para os maiores de 16. Os grupos non serán de máis de cinco persoas.
A data escollida será o sábado día 9 de xuño. As inscricións realizaranse telefonicamente a partir do 28 de maio ata o 8 de xuño no 986 369 746 ou na Oficina Municipal de Información Xuvenil.