
Este venres, día 25 de maio, o Auditorio da Casa da Navegación de Baiona acollerá ás 19:30 horas unha conferencia que ten por título “A nosa pel fálanos” impartida polo médico dermatólogo Dr. José Luis Pozo.
O doutor Pozo elixiu como tema da súa disertación o capítulo das “dermatosis paraneoplásicas”, procesos cutáneos de alarma que se manifestan na pel acompañando ou precedendo certas enfermidades “internas” de especial gravidade. O médico dará indicacións básicas para interpretar aquelas “alteracións” que presenta a pel, e en base ás cales, o facultativo debe aplicar un tratamento precoz e mesmo salvar a vida ao paciente. É a pel o “vestido” que cobre o noso corpo, aprender a coidala e interpretar os síntomas, contribuirá a coidar a nosa saúde.
Por terceiro ano consecutivo o Concello de Baiona, a través da Concellería de Benestar e Igualdade, segue apostando pola divulgación científica que contribúe a dar pautas de prevención no ámbito da saúde e o benestar.
Trátase do III Ciclo de Conferencias sobre Benestar e Saúde, no que se enmarca a actividade do venres, no que, durante 6 meses, 6 profesionais de diferentes disciplinas da saúde achegarán e compartirán coñecementos acerca de estratexias e recomendacións que contribúan a mellorar o noso benestar.
Dirixidas a toda a poboación, e especialmente ao colectivo de persoas adultas, as conferencias xestiónanse cun obxectivo claro, contribuír a unha educación para a saúde que oriente ás persoas asistentes para alcanzar unha vida máis saudable a través de contidos e pautas de acción.