A gondomareña Luisa Pintos disputa este fin de semana o Top 8 do Tenis de Mesa

FOTO: AD VINCIOS // Luisa Pintos.

Luisa Pintos disputa este fin de semana o Top 8 do Tenis de Mesa na categoría infantil na cidade de Alacante. Nesta competición participan as 8 mellores xogadoras do ránking español, sendo a competición de máis alto nivel do calendario nacional, onde se enfrontan nunha liguiña todas contra todas. Esta competición é o colofón a un intenso mes de traballo, que comezou en Collado Villalba (Madrid), onde co seu equipo, o AD Vincios Bade, conseguiu o ascenso á División de Honra Feminina, división de prata do Tenis de Mesa español. Seguiu coa disputa en Murcia do Campionato Escolar de Seleccións Autonómicas, como integrante da selección galega, onde acadaron a medalla de prata por equipos, e continuou coa participación como representante do combinado da selección española no Open Internacional Cadete de España, organizado en Platja d´Aro (Xirona) o fin de semana pasado, onde conseguiu vitorias de mérito sobre a romanesa Irina Rus e a estoniana Adelina Zulfukarova. Salientar o traballo da canteirá da Agrupación Deportiva Vincios e de todo o club na progresión das súas novas promesas.