Anuncios
Ticker de novas

Oportunidade perdida para Alberto Meira no Rallye Rías Baixas

Este fin de semana disputouse o Rallye Rías Baixas, terceira cita do Campionato Galego, onde Alberto Meira e o seu copiloto José Murado pelexaban pola vitoria e ocupaban a segunda posición, ata que unha saída de pista no segundo tramo obrigáballes a dicir prematuramente adeus á súa participación na proba olívica.

Todo comezara o venres, cun tramo de Gondomar onde había pouco que gañar e a néboa fixera acto de presenza. A pesar dun pequeno erro en forma de trompo, que lle fixo ceder tempo, Meira quedouse a só cinco segundos do mellor crono. Ao día seguinte o piloto de Vincios saía disposto a recortar esa diferenza pero xusto ao cruzar a meta do tramo de Mondariz, os freos traseiros bloqueábanse de maneira anómala e inesperada, provocando un trompo e saída de estrada. Meira explicaba que “unha vez superado o susto, comprobamos que o coche non tiña danos graves, pero caemos por un terraplén e era imposible regresar á estrada polos nosos medios. Unha mágoa porque o Rías Baixas é unha carreira moi especial, onde competimos diante da nosa xente, e onde ademais tiñamos unha excelente oportunidade de sumar puntos de fronte ao campionato. Agora só queda pensar en Narón, que será a seguinte cita”.

A vitoria final no Rías Baixas correspondeu a Manuel Fernández e Alejandro Cid, nun Renault Clio N5.

Anuncios