Manuel Fernández, virtual gañador do 52 Rallye Recalvi Rías Baixas

FOTO: POWER STAGE MEDIA // Manuel Fernández no Tramo de Salceda.

Manuel Fernández Estévez e Alex Cid non puideron estrear de mellor forma o seu Renault Clio N5. O equipo de T. Martínez Racing entrou a formar parte da historia do Rallye Rías Baixas tras lograr a vitoria na súa 52 edición. Manuel Fernández impúxose na carreira viguesa tras beneficiarse dos abandonos e incidentes que sufriron os principais favoritos nos tramos da mañá e defender a súa vantaxe nas especiais da tarde. Segundo a seis segundos de Fernández concluíu o piloto de Salceda Jorge Pérez, co seu Renault Clio R3 Evo Maxi e terceiro, a máis de 40 segundos, o Ford Fiesta N5 de Celestino Iglesias.

O actual líder do campionato galego de rallyes, Iago Caamaño logrou o scratch en seis dos nove tramos do “Rías” pero o tempo perdido no TC 2 Mondariz impediulle pelexar pola vitoria e relegoulle ao décimo posto da xeral a máis de catro minutos do primeiro.

E é que a terceira proba do Campionato Galego de Rallyes estivo marcado polos contratempos que se produciron, sobre todo, na matinal de sábado. A choiva caída durante a noite complicou o estado dos tramos, provocou varios incidentes e obrigou á organización a neutralizar unha especial e cancelar outras dúas. Só se puido completar a primeira pasada por Mondariz. Nela Víctor Senra marcou o mellor tempo e viu como dous dos seus principais rivais quedaban fóra da loita pola vitoria ao primeiro de vez. Iago Caamaño, que chegou como líder provisional da proba tras gañar o TC 1 Gondomar, perdeu máis de seis minutos ao ter que parar a cambiar a roda do seu Ford Fiesta R5 que quedou esnaquizada ao chocar cunha taxea e o gondomareño Alberto Meira quedou fóra da carreira pouco despois de pasar a meta de Mondariz e anotarse o segundo mellor tempo. O de Vincios sufriu unha saída de vía e xa non puido reengancharse á carreira.

Con Meira fóra do rallye e Caamaño sen opcións, todo apuntaba a un final tranquilo e vitorioso para Senra. Pero nada máis lonxe da realidade. O actual campión galego sufriu unha importante avaría de motor, con conato de incendio incluído, a 2 quilómetros da meta da segunda pasada a Sabaxáns e correu a mesma sorte que Meira.

Tras os abandonos dos grandes favoritos ao triunfo final do 52 Rallye Recalvi Rías Baixas, foi Manuel Fernández o que se levantou ao liderado da xeral provisional aos mandos de Renault Clio N5, con case 15 segundos de vantaxe sobre o Renault Clio R3 Evo Maxi de Jorge Pérez e Juan Gándara que ocuparon o segundo posto. O Ford Fiesta N5 de Celestino Iglesias e Jorge Iglesias colocouse terceiro.

Pola tarde saíu o sol e os pilotos puideron gozar da pilotaxe dos seus vehículos. Iago Caamaño foi o máis rápido nos tramos vespertinos pero o tempo perdido pola mañá impediulle estar preto do podio.

Ao caixón máis alto subiuse finalmente Manuel Fernández que tampouco tivo un final de rallye tranquilo. Na cuarta sección soubo administrar ben a vantaxe adquirida pola mañá a pesar de que Jorge Pérez non lle puxo as cousas nada fáciles, pero na segunda pasada por Sabaxáns tivo que esperar á decisión dos comisarios deportivos para coñecer o seu tempo. E é que, unha mancha de aceite na estrada provocada polo accidente de Abel Pampillón obrigou a varios pilotos, entre os que se atopaba Manuel Fernández a levantar o pé do acelerador na parte final do tramo. O tempo co que entraron en meta non valeu e os comisarios adxudicáronlles o que fixeran na primeira pasada. Ese tempo, e o quinto mellor que marcou na segunda pasada por Porriño-Mondariz, permitíronlle defender o seu liderado e adxudicarse a vitoria no 52 Rallye Recalvi Rías Baixas así como na Copa Pirelli Castroll Top A.

Na Copa Pirelli Castroll Top B impúxose Javier Estévez. Daniel Berdomás gañou no Volante FGA tras manter unha bonita loita con Jorge Cagiao e na Pirelli AMF MotorSport venceu Rodrigo Vila.

Miles de afeccionados seguiron o rallye a pé de tramo

A choiva embazou o rallye a pilotos e afeccionados con ¨mono de Rías¨ durante a mañá do sábado, pero pola tarde todos puideron gozar, como nos mellores tempos, da proba viguesa. O bo estado do asfalto fixo que os pilotos espremesen ao máximo as súas monturas e ofrecesen un gran espectáculo aos miles de afeccionados que se congregaron ao longo dos tramos de Salceda e Porriño-Gondomar.