Anuncios
Ticker de novas

Baiona estrea unha máquina para quitar os residuos adheridos ás beirarrúas

FOTO: CONCELLO DE BAIONA // Un operario municipal coa nova máquina limpa beirarrúas.

O servizo de limpeza do Concello de Baiona estreará en breve unha máquina coa que se poden quitar os residuos adheridos ao chan. Esta adquisición, realizada pola Concellería de Medio Ambiente, supón un investimento de 9.600 euros, e permite a retirada destes residuos, que afectan o aspecto das rúas e prazas da Vila. Con esta nova maquinaria reforzarase o servizo de limpeza viaria.

O Alcalde de Baiona, Ángel Rodal, e a Concelleira de Medio Ambiente, María Iglesias, recepcionaron a nova maquinaria este venres. Trátase dun equipo montado sobre un remolque homologado composto por unha Hidrolimpadora de alta presión de 250 bares que leva un depósito de 400 litros de auga que vai permitir traballos de limpeza como decapado de pavimentos e beirarrúas. Tamén permitirá desinfectar e lavar pavimentos de caucho como os instalados nos chans dos parques infantís.

A maquinaría permite a súa conexión directa coas bocas de auga e tamén ten autonomía propia naquelas zonas onde non existen grazas ao depósito de auga de gran capacidade. A limpadora ten un prato de aceiro que permite a limpeza do verdín e as malas herbas tanto nas beirarrúas como nas pasarelas de madeira evitando que a superficie escorregue. Tamén é idónea para quitar os chicles. Todo iso respectando ao máximo o medio ambiente, xa que non utiliza produto químico algún. Está previsto que, de forma progresiva, realice tarefas de limpeza por todas as beirarrúas da localidade. Nas últimas semanas xa se utilizou en fase de probas en diversas rúas de Baiona.

Neste sentido, Rodal destacou que “desde a Concellería de Medio Ambiente séguese traballando por mellorar día a día un servizo esencial para o municipio como é a limpeza viaria”. A edil manifestou que coa adquisición desta nova maquinaria dáse un paso máis na calidade da limpeza viaria xa que complementará os traballos nas rúas de varrido, baldeos e fregados que se realizan habitualmente, co decapado.

É un aparello que levanta a sucidade acumulada, o que outras máquinas non fan, polo que vén reforzar as tarefas de limpeza das rúas.

Anuncios