Anuncios
Ticker de novas

Alumnos do Colegio Estudio de Chandebrito participan nun obradoiro de agricultura sostible

FOTO: CONCELLO DE NIGRÁN // Obradoiro de agricultura sostible no Colegio Estudio de Chandebrito.

A investigadora Elisa Garza, do Instituto de Ciencias Agrarias do Consejo Superior de Investigaciones Científicas (CSIC) ofreceu este venres unha clase maxistral aos 30 alumnos do Colegio Estudio de Chandebrito que participan no obradoiro online de “Agricultura Sostible”. Este forma parte da oferta educativa que proporciona Ciudad Ciencia, proxecto de divulgación científica ao que está adherido o municipio dende 2017, unha iniciativa desenvolvida polo Consejo Superior de Investigaciones Científicas (CSIC) e a Obra Social “la Caixa” cuxo fin é que os habitantes das localidades españolas coñezan de primeira man a actualidade científica e tecnolóxica.

O Colegio Estudio solicitou participar nesta actividade que se oferta a todos os centros educativos do municipio. Este obradoiro propón, entre outras cousas, experimentos cos que a clase pode fabricar compost ou distinguir entre plantas e insectos prexudiciais ou beneficiosos para o cultivo. A actividade, titorizada online a través de persoal do Instituto de Ciencias Agrarias (ICA), inclúe o envío ao centro dun kit completo co material de laboratorio preciso para realizar os experimentos e, como foi hoxe o caso, conta coa visita dos propios investigadores do ICA.

“O feito de que o Concello de Nigrán se adherira hai un ano a Ciudad Ciencia permite que, entre outras cousas, todos os colexios do municipio se poidan beneficiar deste tipo de actividades, polo que animamos aos centros a que aproveiten a oportunidade e no vindeiro curso participen máis”, sinala o alcalde, Juan González.

Anuncios