Anuncios
Ticker de novas

A construción do novo Centro de Saúde de Gondomar retomarase nunhas semanas

Nunhas semanas retomaranse as obras de construción do novo Centro de Saúde de Gondomar. A empresa encargada dos traballos, Dragados, así llo comunicou ao alcalde, Paco Ferreira, trasladándolle que os informes dan luz verde á súa continuación ao confirmar que o solar da Rúa das Ánimas non é inundable.

Os actuais traballos céntranse en rematar a cimentación do edificio así como os seus alicerces. Desde o Concello esperan que se cumpra o prazo previsto de execución de 14 meses, e tendo en conta que a estrutura está practicamente acabada, podería estar operativo en 12 meses.

Nos próximos meses, Ferreira concertará unha visita co conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, para comprobar sobre o terreo a evolución das obras. En canto a unha nova modificación do proxecto, o rexedor non a cre posible, aínda que non descarta que unha vez terminado leven a cabo modificacións.

Este novo centro da rede sanitaria pública galega, cun orzamento de 2.355.755,70 euros, atenderá unha poboación de 10.600 persoas e vai contar con seis consultas de medicina xeral e seis de enfermería. Ademais haberá unha consulta de matronas e outra sala de educación maternal, unha sala de toma de mostras, outra de espera, unha sala de técnicas e dous polivalentes.

A área de pediatría contará cunha consulta, unha sala de espera propia, unha consulta de enfermería pediátrica e un aseo. Finalmente, nas zonas de administración e outros usos construiranse unha área de admisión, un arquivo de historias clínicas, dous almacéns, unha sala de caldeiras, outra de estar para o persoal e aseos, tanto públicos como para o persoal. Ademais haberá unha sala de xuntas e biblioteca.

O novo Centro de Saúde de Gondomar, deseñado en decembro de 2008 e redeseñado en 2010, licitouse por primeira vez o 10 de agosto de 2015. En maio dese mesmo ano, previo ás eleccións municipais, comeza a súa construción e en agosto paralízase por quebra da empresa CORSAN-CORVIAM. Xusto dous anos despois, en agosto de 2017, adxudícase de novo o contrato, comezando de novo a súa construción ao mes seguinte. En xaneiro de 2018 volveron paralizarse as obras, á espera dos informes realizados por Augas de Galicia sobre se os terreos eran ou non zona inundable.

Anuncios