A Comisión Informativa de Asuntos Xerais ditaminou este xoves favorablemente (cos únicos votos do goberno e a abstención de PP, ND, BNG e UCN), a proposta de cesión do contrato de redacción do PXOM, da empresa EPTISA a favor de Alfonso Botana, S.L. Dita proposta deberá ser referendada agora polo Pleno da Corporación en sesión extraordinaria a celebrar o próximo día 16 ás 12:00 horas.
UCN lamenta que a pesar de que a nova proposta de acordo remitida aos grupos políticos está moito máis motivada (en relación coa anterior levada ao pasado pleno), con todo foi novamente corrixida sobre a marcha, xa que nin tan sequera propoñíase o levantamento dos reparos formulados polo Interventor no seu informe, cuestión fundamental, xa que ao ter o carácter de suspensivos, estes paralizan a tramitación do expediente. “Para continuar haberá de motivarse debidamente para que poidan ser levantados, circunstancia que se corrixiu sobre a marcha, polo que estamos novamente ante unha chapuza e improvisación máis do goberno local -e especialmente grave-, ao tratarse dun asunto tan serio e importante como é a cesión do contrato do PXOM”, sinala Antonio Fernández Comesaña.
O portavoz de UCN asegura que parece dar a impresión de que o goberno local busca máis un rexeitamento da oposición á súa proposta –para querer así xustificarse-, no canto de preocuparse en presentar un expediente cunha proposta solvente -sen ter que improvisar-, para lograr o maior respaldo posible do resto dos grupos políticos, xa que, se de verdade preténdese buscar o consenso, hai que traballar con rigor e seriedade.
“A non ser que puidésemos estar ante un divorcio e falta de sintonía entre os departamentos de xestión administrativa e o equipo de goberno, o que de confirmarse, sería moito máis preocupante, non só pola falta de xestión senón tamén porque é responsabilidade do alcalde, coordinar e facer funcionar os distintos departamentos administrativos do Concello, non só para que sirvan de apoio á xestión de goberno, senón tamén, para dar un mellor servizo e máis eficiente aos cidadáns”, conclúe o portavoz independente.

