A Concellería de Turismo do Concello de Gondomar vén de publicar un pormenorizado traballo de recollida da toponímica das parroquias de Chaín e Vilaza . Coa subvención da Deputación de Pontevedra a través do seu Programa de Normalización Lingüística, e realizado baixo a dirección do Instituto de Estudos Miñoráns, o traballo recolle e localiza lugares que eran utilizados polos veciños e que agora caeron no esquecemento, como a localización do que eran as antigas escolas para nenas e nenos (situadas en casas naquela época, hoxe na súa maioría reformadas e convertidas en vivendas); os lugares dos xogos de bolos; antigos pozos, presas e fontes; camiños…
Documéntanse tamén os recordos dos veciños, a historia da parroquia. Comentar que os barrios actuais son máis extensos que os antigos, é dicir, cada un dos barrios agora recolle o que antigamente eran varios. Había máis barrios, o que significaba necesariamente máis topónimos.
“As toponimia, e outras nomenclaturas locais, moi curiosas algunhas, son unha das variables da riqueza patrimonial que os pobos van acumulando ao longo dos séculos. Con este traballo, tentamos que non desaparezan e que pervivan no tempo”, destaca Xosé Antón Araúxo, concelleiro de Comercio e Turismo.
En Chaín recolléronse un total de 711 e en Vilaza 438. Aproveitando o programa “Coñece Gondomar” que cada ano se fai no verán aproveitarase para sumar estas novas achegas da toponimia ao contido das visitas.

