150 equipos tomarán a saída do Rallye Rías Baixas

FOTO: RALLYE RÍAS BAIXAS // Miguel Fuster no TC Chenlo-Morgadáns.

Víctor Senra, aos mandos dun Ford Festa R5 será o primeiro piloto, dos 150 inscritos, en tomar a saída no 52 Rallye Recalvi Rías Baixas. O actual campión galego de rallyes chega á terceira proba do certame rexional no segundo posto da xeral provisional pero a tan só seis puntos de Iago Caamaño, que lidera a clasificación tras ser terceiro no Rallye da Coruña e gañar o de Noia. O gondomareño, Alberto Meira ocupa o terceiro posto. Os tres preséntanse como os grandes favoritos a alzarse co triunfo no Rías; carreira que volve ser puntuable para o campionato galego de rallyes de asfalto 22 anos despois.

A 52ª edición do Rallye Recalvi Rías Baixas poñerase en marcha ás 19:00 horas; momento no que os equipos participantes tomarán a saída oficiosa, de minuto en minuto, desde a Porta do Sol de Vigo. Tras deixarse ver polo centro da cidade, os equipos poñerán rumbo cara a Gondomar para afrontar a primeira especial do “Rías”, un tramo de 6,10 quilómetros cronometrados que transcorrerá entre Donas e a estrada que une Tomiño e Sabarís.

O TC 1 Gondomar será o único que percorrerán os vehículos este venres. Tras afrontalo, os coches farán unha parada de reagrupamento diante do concello de Gondomar, a partir das 20:05 horas e dez minutos despois sairán cara ao Parque Pechado de Samil onde permanecerán aparcados ata o sábado.

Durante a segunda xornada de competición, os participantes terán que percorrer, a dobre pasada, os tramos de Mondariz e Sabaxáns, pola mañá e Salceda e Porriño-Gondomar, pola tarde.

As verificacións, no Porriño

Para poder tomar a saída no rallye, os equipos participantes deberán pasar as pertinentes verificacións técnicas e administrativas que se levarán a cabo, durante toda a mañá deste venres no Pavillón de Deportes do Porriño. Alí os comisarios deportivos comprobarán que vehículos e pilotos cumpren coa normativa esixida para participar na terceira proba Campionato Galego de Rallyes.

MAPA DE PERCORRIDO

ITINERARIO HORARIO

LISTA DE INSCRITOS

Anuncios