Valls, penúltima parada da Copa de España para o Club Ciclista Rías Baixas

Ocupando a décima posición na xeral por equipos e a duodécima na táboa individual con David Galarreta, o Club Ciclista Rías Baixas tomará a saída este domingo na penúltima xornada puntuable da Copa de España 2018. A Classica Xavi Tondo preséntase para a entidade presidida por José Luis Chamorro como unha oportunidade de afianzar as súas posicións nas clasificacións do certame máis prestixioso do calendario elite e sub23 estatal.

O director deportivo Iván Rodríguez desprázase ata localidade tarraconense de Valls cunha formación capitaneada por Galarreta. Ao cántabro faltoulle un chisco de fortuna nas dúas últimas carreiras para sacar máis proveito ao seu estado de forma. No Ridley-Memorial Pascual Momparler foise ao chan no último descenso e na Santikutz Klasika unha mala trazada impediulle entrar ben colocado na recta final. A pesar destes dous contratempos, foi ascendendo posto na xeral e situándose preto do Top-10.

O resto da aliñación en terras catalás compoñerana outros dúas corredores elite, Eddie Van Heerden e Iván Arribas, e catro sub23: Rafael Pereira, Adrián Escobar, Antonio Barbero e Jaime Guzmán. O obxectivo será acumular o maior número de puntos pensando no ránking por equipos.

A terceira edición da Classica Xavi Tondo, que lembra a figura do malogrado ciclista que faleceu sendo profesional no 2011, disputarase sobre un esixente percorrido de 172 quilómetros, con saída e chegada en Valls. Ás 09:30 horas darase o bandeirazo inicial e os participantes deberán superar un dobre ascenso ao Coll de Belltal, de terceira categoría e ao Coll de Lilla, de segunda categoría. O último paso por Lilla efectuarase a tan só 10 km da conclusión.