O Club Bolos da Carrasca disputará en Almería o Campionato de España de Clubs de Petanca

O Club Bolos da Carrasca (Parada) participa este fin de semana no Campionato de España de Clubs de Petanca en Almería tras proclamarse hai un mes subcampións de Galicia na categoría segunda masculina. O equipo formado por Lino Fernández, Antonio Beiro e os dous Luis Fernández (pai e fillo) partiron onte cara Almerimar (Almería) nunha furgoneta patrocinada dende o Concello de Nigrán e Rodosa. Alí competirán ata o domingo con 32 clubs de todo o país e 256 xogadores. Dende o ano 1997 os homes do Club Bolos da Carrasca non acadaban a participación no campionato nacional de clubs, onde agardan obter unha boa posición (as mulleres participaron hai dous anos en Sevilla). Neste equipo masculino atópase Luis Fernández Costas, integrante da selección galega xuvenil que vén de acadar un cuarto posto no Campionato de España.

O Club Bolos da Carrasca é un referente de petanca a nivel galego e nacional, non en balde conta nas súas filas con Amelia Valverde “Milucha”, xogadora veterana e seleccionadora galega feminina que a semana pasada proclamou a Galicia campioa de España na competición que tamén se desenvolveu en Almería. Este é o segundo ano de Milucha como seleccionadora e xa acadou o ascenso á División de Honra, a máxima categoría. «É un orgullo acadar esta posición, a viaxe a Almería non se fai pesada ao volver con este título», explica Milucha, quen tamén acompaña ao equipo masculino esta fin de semana.

«Para o Concello de Nigrán é un orgullo contar con este club que leva o nome do municipio por toda España e que fomenta a práctica deportiva como poucos, xa que en Bolos da Carrasca contan con xogadores de todas as idades (contrariamente á idea que se ten da petanca) e as mulleres aquí teñen o mesmo protagonismo que os homes, feito aínda por acadar na maioría dos deportes», reflexiona o alcalde, Juan González.

2018-05-04 - 31947754_10214184682043314_1157294116321624064_n