Del Río critica a Ferreira por plantar aos portavoces mentres “estaba a tomar café”

FOTO: CONCELLO DE GONDOMAR

O portavoz de Gondomar Concello Aberto, Pauliño del Río, critica nun comunicado a non asistencia do alcalde, Paco Ferreira, por dúas veces, á Xunta de Portavoces que el mesmo convocara “cando quixo e á hora que quixo”. “Que o actual goberno vai á deriva é un feito constatable, que o Sr. Alcalde perdeu o xuízo tamén”, afirma.

Do Río relata que a semana pasada, o 24 de abril, Ferreira convoca unha Xunta de Portavoces o día 26 para tratar o Plan de remodelación e mellora da seguridade de viarios municipais e o convenio co Pobo Saharauí. O alcalde non se presenta á reunión, segundo o portavoz de CABE porque “estaba a tomar café”. O mesmo día convócaos de novo para o día 2 de maio, engadindo aos anteriores asuntos a data do pleno do mes de maio e a da celebración da Comisión de Urbanismo.

“Presentados na Casa do Concello os distintos portavoces dos grupos municipais para asistir á Xunta, esta de novo non se celebra, xa que o Sr. Paco Ferreira estaba noutra reunión”. Del Río lembra ademais que non é a primeira vez que o alcalde suspende ou mesmo non aparece a unha reunión que el mesmo convocou “sen explicar os motivos”.

O portavoz de CABE critica que “mentres os demais adaptamos o noso tempo ao que decida o goberno de forma unilateral, eles non respectan nin as súas propias decisións”. “Desde o Grupo Municipal de Gondomar Concello Aberto expresamos a nosa protesta por este novo desprezo do Sr. Ferreira aos representantes dos veciños de Gondomar. Hai que ter un mínimo de rigor e de respecto cando se traballa para a cidadanía”.

No comunicado tamén lembra que tampouco se celebrou a Comisión de Urbanismo convocada para o pasado día 18 de abril tras as discrepancias entre o alcalde e o tenente de alcalde respecto da mesma. “Cal é a situación do PXOM de Gondomar? Ninguén o sabe máis aló do goberno municipal. A falta de transparencia, publicidade e información é total. Neste como noutros moitos temas”, lamenta Del Río.

Segundo o portavoz de CABE, isto non só ocorre en Gondomar. No pleno de abril da Mancomunidade do Val Miñor, que na actualidade preside Ferreira, no que se ían a tratar os orzamentos do 2018 e o primeiro convenio colectivo do GES, “chegou 50 minutos tarde, despois de que varios corporativos abandonasen a sesión”.

“A actitude irresponsable do Sr. Ferreira, a súa falta de respecto aos representantes dos veciños de Gondomar e a súa forma de comportarse causa estupor e bochorno. Estamos non só ante unha burla ao resto dos grupos municipais, senón ante unha mera e simple falta de educación”, conclúe Del Río.

Anuncios