Baiona volverá ter tren turístico 20 anos despois

FOTO: TURISMO DE SANTIAGO // Tren turístico de Santiago de Compostela.

Tras 20 anos sen tren turístico, Baiona recuperará este servizo cuxa licitación xa está en marcha tras a súa publicación no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra (BOP). O prazo da concesión será de dous anos prorrogables por outros dous, e os interesados deberán entregar as súas propostas no Rexistro Xeral do Concello en horario de 9:00 a 14:00 horas.

O tren turístico contará con 60 prazas en tres vagóns cubertos e xunto coa “locomotora” non poderá exceder os 20 metros de longo polos 2 de ancho nin circular a velocidades superiores aos 20 quilómetros por hora. Funcionará durante todo o ano, de luns a domingo durante o verán e os fins de semana no inverno, con dúas rutas diferenciadas de 60 minutos con punto de partida e chegada na rúa Arquitecto Jesús Valverde, xunto á Oficina de Turismo.

Na época estival, con maior afluencia de turistas, o percorrido será pola estrada que une Baiona e A Guarda, dando a volta na zona de Baredo, mentres que no inverno circulará polo centro da vila dirección Sabarís. Así, o servizo turístico permitirá coñecer os puntos de interese do municipio, dunha maneira diferente e orientada a familias. Os viaxeiros poderán contemplar a Fortaleza de Monte Real, a Virxe da Rocha, as Illas Cíes, a réplica da Carabela Pinta, a baía…

Desde o Departamento de Turismo informaron que levan traballando no proxecto desde hai meses e esperan que estea en funcionamento cara ao mes de xullo. Inicialmente estaba prevista a súa licitación o ano pasado, pero atrasouse pola elaboración dos pregos que regulan a adxudicación. O anterior tren turístico era propiedade municipal e as condicións para poñelo en funcionamento non eran tan estritas como na actualidade. O servizo deberá garantir unhas condicións de decoro e mantemento mínimas, ademais dunhas medidas de seguridade e as aptitudes do persoal.

Anuncios