Sin categoría

Baiona adxudica á empresa Idades SL o Servizo de Axuda no Fogar por 327.477,10 €

Desde onte unha nova empresa levará o Servizo de Axuda no Fogar no Concello de Baiona. Despois de cumprimentar as condicións sinaladas no prego para a licitación do servizo, a empresa Idades SL será a encargada de levar a cabo o Servizo de Axuda no Fogar. Foron examinadas e puntuadas segundo os criterios expostos no prego as propostas presentadas por 5 empresas e Idades SL foi a que alcanzou a maior  puntación e presentou a proposición máis vantaxosa para os intereses municipais de entre as que optaban a dar o servizo.

O alcalde e o xerente da empresa asinaron a contratación do Servizo de Axuda no Fogar do Concello de Baiona por un prazo de dous anos prorrogables outros dous máis, cun importe estimado anual de 327.477,10 euros.

As persoas usuarias dos servizos e as súas familias seguirán tendo no seu domicilio as mesmas atencións que ata agora viñan recibindo coa empresa Meular, que xa no seu día substituíra á empresa Atendo, e que anteriormente substituíra á Cruz Vermella.

A nova empresa, comprometeuse a subrogar a todo o persoal que desenvolve o servizo coa empresa anterior e abrir unha oficina en Baiona con horario de atención ao público.

“O servizo de axuda a domicilio vai dirixido a todas aquelas persoas que atravesan circunstancias especiais de carácter persoal, económico e social que as incapaciten para o seu desenvolvemento diario. O principal obxectivo é mellorar a calidade de vida das persoas ou familias con dificultades de autonomía persoal e integración no seu medio habitual, evitando o illamento e fomentando a convivencia e a participación na vida comunitaria”, destaca o alcalde, Ángel Rodal.

Para levar a cabo o Servizo de Axuda no Fogar a empresa contará cunha traballadora social que coordinará o traballo das xa numerosas auxiliares de fogar que se desprazan aos domicilios para prever situacións de crise persoal e familiar, prestando unha serie de atencións de carácter doméstico e social ás persoas que se atopan nunha situación de especial necesidade de autonomía e desenvolvemento.